A onda epidémica de gripe rexistra unha intensidade baixa e tendencia decrecente
O último informe de actividade das infeccións respiratorias agudas da Dirección Xeral de Saúde Pública indica que as persoas maiores de 80 anos son as que presentan unhas maiores taxas de ingreso hospitalario por gripe
Nos últimos sete días ingresaron no hospital 343 persoas con gripe confirmada
A maior taxa de consultas por gripe segue a darse en nenos de 0 a 4 anos
Recoméndase o uso da máscara ao acudir a centros de saúde, aínda que non se teñan síntomas de infección respiratoria
Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2026
A Consellería de Sanidade vén de publicar, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana 52 do ano (do 22 ao 28 de decembro), no que sinala que a actividade gripal en Galicia rexistra unha intensidade baixa con tendencia decrecente.
Respecto da semana anterior, rexístrase un descenso na taxa de consultas por gripe en atención primaria dun 22,7 %.
Así, esta taxa sitúase en 80,2 consultas por cada 100.000 habitantes. O grupo coa maior taxa de consultas continúa a ser o de 0 a 4 anos (186,7 consultas por 100.000 habitantes), seguido polo de 5 a 19 anos con e 104,6 consultas por 10⁵ habitantes.
No que atinxe ás áreas sanitarias, a taxa de consultas foi inferior en todas elas respecto da semana anterior.
En canto aos ingresos hospitalarios, na última semana ingresaron 343 persoas con gripe confirmada, un 10 % menos que a pasada semana (383 ingresos).
O descenso na taxa de ingresos observouse na maioría dos grupos de idade, a excepción dos nenos de 0 a 4 anos nos que aumentou un 124,5 %, volvendo a experimentar taxas similares ás de semanas previas. Ademais, o grupo de 80 e máis anos representa a taxa de ingresos máis elevada con 64,8 ingresos por 100.000 habitantes.
Por áreas sanitarias, a taxa de ingresos descendeu na meirande parte delas agás na de Pontevedra e O Salnés e na de Vigo, onde se incrementou un 9,6 e un 8,5 % respectivamente,
No que vai de tempada da gripe notificáronse 2.813 ingresos, a maioría deles con virus tipo A.
A rede de farmacias sentinela que colabora coa Consellería de Sanidade traslada que na última semana as taxas de dispensa de antigripais e de probas de antíxenos aumentaron un 24,2 % e un 5,2 %, respectivamente.
Malia tendencia decrecente, recoméndase o uso da máscara aínda que non se teñan síntomas cando se acude a centros de saúde, aos puntos de atención continuada e ás urxencias hospitalarias.
En canto ao resto de estancias dos hospitais, a recomendación do uso da máscara mantense nos servizos que atendan pacientes vulnerables, como son as unidades de coidados intensivos e pacientes críticos, unidades de reanimación, de pacientes transplantados, oncolóxicos e hematolóxicos, unidades de diálise e hospitais de día.