A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue afronta a recta final da campaña de Nadal agasallando aos doantes cunha porción de roscón de Reis

A iniciativa “Doa Sangue. O mellor agasallo” culmina esta semana con visitas ata unha trintena de concellos galegos

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2026

Todas as persoas que acudan a doar sangue este luns 5 de xaneiro, véspera do Día de Reis, recibirán unha porción do tradicional roscón propio desta festividade, co que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) quere agasallar aos doantes de sangue. Un ano máis, a Axencia quere amosar o seu recoñecemento e poñer en valor o labor dos doantes de sangue que, co seu compromiso e solidariedade, contribúen ao sostemento do intenso labor asistencial dos nosos centros sanitarios.

Grazas á contribución solidaria dos doantes de sangue, foi posible levar a cabo, diariamente, unha media de 800 intervencións cirúrxicas, un transplante de órganos e atender 2.800 urxencias. A elevada participación dos doantes, ao longo do pasado ano 2025, posibilitou que os hospitais galegos levarán a cabo con normalidade a súa actividade asistencial e que moitas persoas solucionaran o seu problema de saúde e, mesmo, salvarán a súa vida.

Manter a participación

A Axencia lembra a importancia que ten contar cunha axeitada participación da cidadanía nas campañas de doazón de sangue xa que, diariamente, son precisas máis de 400 doazóns para garantir un axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos hospitais galegos. Esta necesaria participación faise aínda máis precisa en períodos vacacionais, como o Nadal.

A campaña “Doa Sangue. O mellor agasallo” que finaliza esta semana, achegase esta semana ata unha trintena de concellos galegos. A participación dos doantes resulta especialmente relevante porque este período do ano coincide cun aumento da gripe e enfermidades víricas respiratorias. Esta circunstancia repercute nas reservas dos distintos grupos sanguíneos, debido a que estas doenzas impiden a doazón ata a recuperación da persoa afectada.

Facilidades para doar

Co obxectivo de incrementar a participación dos doantes nesta recta final da campaña de Nadal, as unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, efectuarán os seguintes desprazamentos:

DATA

DESPRAZAMENTOS

Luns 5 de xaneiro

Fene, Zona Cuatro Caminos  e Barrio Los Rosales (A Coruña), Bertamiráns (Ames), Área Central-Fontiñas (Santiago), Ronda das Fontiñas e Barrio La Milagrosa (Lugo), Barrio O Couto (Ourense), Bueu e Barrio Balaídos e Barrio Residencial Navia (Vigo).

Mércores 7 de xaneiro

Carral, Miño, Corcubión, Arzúa, Alameda (Santiago), Praza Maior (Lugo), Rúa do Paseo (Ourense), Baiona, Guizán e Zona Ferraría (Pontevedra).

Xoves 8 de xaneiro

As Pontes, Cerceda, Barrio das Conchiñas e Cantón-Obelisco (A Coruña), Pobra do Caramiñal,  Viveiro, Barrio o Possío (Ourense), O Rosal, Zona Ferraría (Pontevedra) e Tomiño.

Venres 9 de xaneiro

Arteixo, Betanzos, O Burgo (Culleredo), Noia, A Picota (Mazaricos), Chantada, Lalín, A Guarda, Marín e Redondela.

Sábado 10 de xaneiro

Arteixo, Betanzos, Noia, Lalín e Redondela

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/01/2026