A Xunta eleva ata case os 2 M€ as bolsas autonómicas do programa Erasmus para universitarios

Poden solicitalas ata o 2 de febreiro os estudantes con axudas da UE este curso, que recibirán un complemento mensual da Consellería en función do país de destino

Esta é a primeira convocatoria de 2026 do programa de bolsas e premios, dotado con máis de 70 M€, que o Goberno galego pon a disposición do alumnado universitario

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2026

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional destina este curso case 2 millóns de euros ás bolsas autonómicas do programa Erasmus+ para alumnado das universidades galegas. Trátase de axudas que complementan as que estes estudantes xa reciben da Unión Europea para participar neste programa de mobilidade, que permite realizar unha estadía na universidade doutro país como parte do seu proceso de aprendizaxe. O obxectivo é reforzar o apoio económico comunitario e fomentar así a participación en Erasmus+.

A Xunta de Galicia incrementa este curso os fondos para estas axudas. En concreto, destina 200.000€ máis que o pasado ano para conseguir chegar a máis alumnos. As bolsas individuais manteñen tanto a súa duración como a súa contía respecto de convocatorias anteriores. Deste xeito, o alumnado beneficiario percibirá unha achega mensual, para complementar as axudas da UE, que oscilará entre os 125 e os 195 euros ao mes, en función do país de destino, durante unha estadía que poderá durar entre dous e nove meses.

Así, recibirán 195€ mensuais os estudantes que realicen a súa mobilidade en Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Finlandia, Francia, Irlanda, Islandia, Italia, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega, Países Baixos e Suecia; mentres que a contía será de 165€ se o destino é Chequia, Chipre, Eslovaquia, Estonia, Eslovenia, Grecia, Letonia, Malta e Portugal, e de 125€ para Bulgaria, Croacia, Lituania, Hungría, Polonia, Romanía, Serbia, Macedonia e Turquía.

Requisitos e prazos

Pode solicitar estas axudas o alumnado matriculado en calquera das universidades galegas que goce dunha bolsa Erasmus+ de mobilidade neste curso. Non poderá optar a estas bolsas o estudantado que, tendo nacionalidade distinta á española ou dobre nacionalidade, realice a mobilidade no seu país de orixe ou nalgún daqueles dos que sexa nacional, nin tampouco quen finalmente non se desprace ao país de destino ou quen xa resultase beneficiario destas axudas complementarias en convocatorias anteriores.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 2 de febreiro. A tramitación realizarase por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, para o que se poderá empregar calquera dos sistemas de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

Programa de bolsas universitarias

Esta é a primeira liña de axudas de 2026 do programa de bolsas e premios para estudantes e investigadores das universidades galegas que a Xunta pon en marcha este ano. En total, serán unha ducia de convocatorias dotadas con máis de 70 millóns de euros para fomentar a igualdade de oportunidades e a excelencia. Este amplo paquete de bolsas súmase á matrícula gratuíta, medida que implantou a Xunta de maneira pioneira en España, e ás taxas de matrícula, que levan conxeladas na nosa Comunidade desde hai 14 anos.

Data de actualización: 05/01/2026