As axudas aos deportistas de alto nivel acadan o récord histórico nunha única convocatoria con preto de 600 axudas e máis de 840.00 euros

Entre os nomes propios das axudas destacan os dos medallistas olímpicos e paralímpicos  Susana Rodríguez Gacio, Judith Rodríguez, Enmanuel Reyes, Damián Ramos, Carlos Arévalo, Diego Domínguez, Rodrigo Germade ou Martín de la Puente

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2026 A Fundación Deporte Galego, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, vén de resolver as axudas axudas DGAN – TAXAGAN para deportistas galegos de alto nivel, así como técnicos, adestradores, xuíces e árbitros de alto nivel 2025 acadando un récord histórico en formato dunha única convocatoria tanto en número de axudas con 595 como en importe total das mesmas con 840.320 euros. Cómpre salientar que, en 2024, acadouse o récord de preto dun millón de euros (958.120 euros) en axudas DGAN pero con dúas convocatorias de axudas, a ordinaria e a correspondente aos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París.

Cómpre salientar que, das 595 axudas concedidas -270 para deportistas femininas e 325 para deportistas masculinos-, piragüismo é a federación con maior número, acadando un total de 127, seguida por taekwondo (52), patinaxe (41); salvamento e socorrismo (34), atletismo (28), deporte adaptado (25), tríatlon (23), vela (23), remo (14) e boxeo (10).

No que respecta á distribución territorial, a provincia de Pontevedra acadou 293 axudas, seguida pola Coruña con 227, Lugo (50) e Ourense (25).

O prazo de reclamacións estará aberto dende hoxe ata o vindeiro 19 de xaneiro de 2016 a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no correo electrónico fundaciondeportegalego.pr@xunta.gal, no rexistro da Fundación Deporte Galego ou en calquera rexistro oficial, utilizando o ‘Anexo Reclamación’, a descargar na páxina web.

Deportistas, técnicos e árbitros con axudas

Máis polo miúdo, as axudas concedidas foron unha Axuda DGAN Ouro Olímpico (12.000 euros) para a paratriatleta Susana Rodríguez Gacio; sete Axudas DGAN Bronce Olímpico (8.000 euros) para a esgrimista en cadeira de rodas Judith Rodríguez; o boxeador Enmanuel Reyes; o paraciclista Damián Ramos; os padexeiros Carlos Arévalo, Diego Domínguez e Rodrigo Germade e o tenista en cadeira de rodas Martín de la Puente; 15 Axudas DGAN Diploma Olímpico (6.000 euros) para as atletas Yulenmis Aguilar e Ana Peleteiro; os atletas adaptados Gustavo Nieves e Adiaratou Iglesias; os nadadores adaptados Juan Ferrón e Jacobo Garrido; a xogadora de baloncesto en cadeira de rodas María Victoria Alonso; os remeiros Rodrigo Conde e Caetano Horta; as padexeiras Estefanía Fernández, Carolina García, Antía Jácome, Sara Ouzande e Teresa Portela; e a padexeira adaptada, Araceli Menduíña; 12 Axudas DGAN Participación Olímpica (5.000 euros) para os atletas Adrián Ben e Ester Navarrete; a regatista Támara Echegoyen; o judoka David García; a xogadora de balonmán Alicia Fernández; os padexeiros Pablo Crespo, Manuel Ochoa e Matías Otero; o triatleta Antonio Serrat e a atleta adaptada Desirée Vila; unha Axuda DGAN 1 (6.000 euros) para a deportista de kickboxing Alicia Sánchez; cinco Axudas DGAN 2 (5.000 euros) para a atleta Antía Chamosa; o atleta adaptado Gustavo Dacal; a deportista de salvamento e socorrismo Andrea Goimil; o deportista de kickboxing Pablo González e a padexeira Alba María Rodríguez; 19 Axudas DGAN 3 (4.000 euros); 90 Axudas DGAN 4 (2.000 euros); 81 Axudas DGAN 5 (1.000 euros); 322 Axudas DGAN 6 (ata 1.000 euros) e unha Axuda dobre 6 máis o 50% doutra Axuda 6 (800 euros) para o surfista e padexeiro, Iván Puente.

No caso dos técnicos e xuíces outorgouse unha Axuda TA Ouro Olímpico (6.000 euros) para Luis Alberto Piña (paratríatlon); tres Axudas TA Bronce Olímpico (4.000 euros) para  José Manuel Cardesín (ciclismo adaptado); Manuel Mariño (esgrima adaptada) e Luciano Planas (boxeo); cinco Axudas TA Diploma Olímpico (3.000 euros) para Raimundo Fernández, Manuel Martínez e Adolfo Vila (atletismo); Benito Fernando Horta (remo) e David Novas (piragüismo); cinco Axudas TA Participación Olímpica (2.500 euros) para Esteban Alonso e José Luis Ourille (piragüismo); Frank Casañas e Manuel Vigo (atletismo) e Marcos Fernández (vela); unha Axuda TA2 (3.000 euros); oito Axudas TA 3 (2.000 euros): catro Axudas TA 4 (1.000 euros); así como dúas axudas dobres, por unha banda unha Axuda TA Diploma Olímpico máis o 50% dunha Axuda TA Participación Olímpica (4.250 euros) para Daniel Brage (piragüismo) e, pola outra, unha Axuda TA Participación Olímpica máis o 50% dunha Axuda TA 3 (5.000 euros) para Daniel Costa (piragüismo).

Tocante aos árbitros e xuíces concedéronse catro Axudas XA 1 (3.000 euros) para Manuel Franco (tenis); María Inmaculada Pazos (ximnasia) así como Loreto Pérez e Dolores Rojas (atletismo); sete Axudas XA 2 (2.000 euros) e unha Axuda XA 3 (1.000 euros).

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/01/2026