As titulacións universitarias galegas distinguidas co selo de excelencia chegarán este ano a unha vintena

A Xunta ten aberto ata o 5 de febreiro o prazo para que ata seis novos graos soliciten este recoñecemento, que actualmente xa teñen outros tres

Ademais, 14 másteres gozan desde distintivo, que poden renovar ata o 28 de febreiro os que o recibiron en 2021

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia impulsa a calidade, a innovación e a proxección do Sistema universitario de Galicia a través do selo de excelencia, un distintivo do que gozarán neste novo ano unha vintena de titulacións. Para acadar esta cifra, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP ten aberto neste momento dous procesos. Por unha banda, ata o 5 de febreiro as universidades poden solicitar o recoñecemento para un máximo de seis graos, dous por cada institución. Ademais, ata o 28 de febreiro está aberto o procedemento para renovación dos másteres. 

Este selo, creado polo Goberno autonómico, recoñece aquelas titulacións que destacan polo seu elevado nivel académico, científico e técnico, así como pola súa capacidade de adaptación ás demandas actuais da sociedade. A iniciativa inscríbese nas políticas da Xunta para reforzar a excelencia universitaria, promover a innovación docente e aliñar a oferta formativa coas tendencias internacionais, contribuíndo así a elevar os estándares de calidade e a visibilidade das universidades galegas a nivel nacional e europeo. 

Incorporación de novos graos de excelencia

No caso do Selo de Grao de Excelencia, poden optar a el seis titulacións impartidas de xeito ininterrompido desde o curso 2020/21. Cada universidade pode presentar un máximo de dúas solicitudes, tanto para graos impartidos en exclusiva como para titulacións conxuntas nas que actúe como universidade coordinadora. Actualmente, dispoñen deste recoñecemento tres títulos na primeira e única convocatoria celebrada anteriormente.

As candidaturas serán avaliadas cun máximo de 100 puntos, distribuídos en oito bloques de criterios. Para obter o selo, é necesario acadar 90 puntos ou máis. Os aspectos avaliados son os seguintes: estratexia e resultados (25 puntos), inserción laboral (20), calidade da proposta presentada (15), currículo (10), deseño do proceso de ensino-aprendizaxe (10), profesorado (10), avaliación (10) e internacionalización (10). 

O Selo de Grao de Excelencia ten unha vixencia de seis cursos académicos, con seguimentos anuais e posibilidade de renovación. A concesión, ademais do recoñecemento, supón un financiamento extraordinario, cunha dotación de 60.000 euros anuais, o que supón un investimento total de 360.000 euros ao longo do período. As titulacións que obtiveron este selo na pasada convocatoria, a primeira realizada, foron os graos en Enxeñaría Informática e Fisioterapia da Universidade da Coruña e o grao en Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela, no campus de Lugo.

Renovación da mención de máster de excelencia

No caso dos másteres universitarios, a Consellería de Educación ten aberto o prazo para a renovación da mención de excelencia concedida no curso 20/21, cuxa vixencia remata o 31 de agosto de 2026. As titulacións que poden participar nesta convocatoria son os máster de Bioinformática para Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña, o máster en Tradución para a Comunicación Internacional da Universidade de Vigo e o máster de Biotecnoloxía Avanzada impartido pola Universidade de Vigo e a da Coruña. 

As universidades deben presentar ata o 28 de febreiro, de forma electrónica, a correspondente solicitude de renovación, acompañada dunha memoria de autoavaliación e dun plan de mellora, de acordo cos requisitos establecidos na normativa vixente. 

Actualmente, dispoñen deste selo un total de 14 másteres das tres universidades públicas galegas, concedidos nas diferentes convocatorias celebradas nos últimos anos. 

Data de actualización: 07/01/2026