O Sergas publica o nomeamento como persoal estatutario fixo e a adxudicación de destino dos seleccionados en procesos de concurso e de concurso-oposición

Resultan nomeados 7 profesionais na categoría de médico de urxencias hospitalarias para cubrir postos de difícil cobertura

Tamén resultan nomeados 11 profesionais en varias categorías de persoal sanitario en prazas vacantes, logo da resolución dos procesos de estabilización

Os aspirantes nomeados disporán do prazo dun mes para incorporarse á praza adxudicada

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo dos aspirantes seleccionados no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o ingreso na categoría de médico de urxencias hospitalarias, convocado pola resolución do 11 de maio de 2023.

A resolución da convocatoria deste proceso realizouse en execución da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario e para levar a cabo as accións previstas no Plan de saúde de Galicia.

Ofértanse un total de 9 prazas na categoría de médico de urxencias hospitalarias, resultando adxudicatarios de destino definitivo 7 profesionais, quedando 2 prazas vacantes, unha no Hospital Público de Valdeorras e outra no Hospital Público de Verín.

No día de hoxe, tamén se publican no Diario Oficial de Galicia as resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas polas que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo dos seleccionados no concurso-oposición para o ingreso nas categorías de facultativo especialista en medicina interna, facultativo especialista en pediatría e as súas áreas específicas, médico coordinador do 061, enfermeira especialista en enfermería familiar e comunitaria, fisioterapeuta e terapeuta ocupacional. Estes procesos selectivos foron convocados polas resolucións do 14 e do 15 de decembro de 2022.

Procesos de estabilización

Así mesmo, no día de hoxe, publícanse no Diario Oficial de Galicia as resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas polas que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo aos seleccionados nos procesos selectivos de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso nas categorías de enfermeira especialista en obstetricia-xinecoloxía, facultativo especialista en pediatría e as súas áreas específicas, médico de urxencias hospitalarias e técnico en coidados auxiliares de enfermería, procesos selectivos convocados polas resolucións do 26 de decembro de 2022.

Este sería o terceiro proceso de adxudicación de destino definitivo nas categorías de enfermeira especialista en enfermería familiar e comunitaria, enfermeira especialista en obstetricia-xinecoloxía, fisioterapeuta, terapeuta ocupacional e técnico en coidados auxiliares de enfermaría; e o cuarto nas categorías de facultativo especialista en medicina interna, facultativo especialista en pediatría e as súas áreas específicas, médico coordinador do 061 e médico en urxencias hospitalarias, tras resultar prazas vacantes ao finalizar os prazos de toma de posesión dos aspirantes nomeados previamente.

Nestes procesos de adxudicación ofertáronse as prazas que resultaron vacantes aos novos aspirantes segundo a orde de prelación que resulta da lista definitiva de aprobados, tal e como está establecido nas resolucións das convocatorias co fin de asegurar a cobertura da totalidade das prazas ofertadas.

A resolución destes terceiro e cuarto procesos de adxudicación de destino suporá a incorporación de 11 profesionais fixos ás institucións sanitarias do Sistema Público de Saúde de Galicia.

No concurso-oposición, resultaron nomeadas 7 persoas, 2 delas pertencentes á categoría de enfermeira especialista en enfermería familiar e comunitaria, 1 á de fisioterapeuta, 1 á de terapeuta ocupacional, 1 á de facultativo especialista en medicina interna, 1 á de facultativo especialista en pediatría e as súas áreas específicas e 1 á de médico coordinador do 061.

No proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, resultaron nomeadas 4 persoas pertencentes ás categorías de enfermeira especialista en obstetricia-xinecoloxía, facultativo especialista en pediatría e as súas áreas específicas, médico de urxencias hospitalarias e técnico en coidados auxiliares de enfermería.

Os nomeados disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación destas resolucións no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. O prazo de toma de posesión remata o 9 de febreiro de 2026.

Os aspirantes poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas con este proceso ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación nin recurso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/01/2026