O presidente do Goberno galego achegouse hoxe ata a instalación localizada en Vilaboa (Pontevedra) para coñecer de primeira man o resultado dos traballos

Rueda pon en valor a ampliación do porto de San Adrián de Cobres, cun investimento de 1,8 M€, como exemplo do compromiso da Xunta co sector do mar

Fai fincapé en seguir traballando conxuntamente co Ministerio para defender os intereses do sector primario no novo marco de financiamento europeo

Créanse 16 prazas de amarre e un dique de abrigo co obxectivo de beneficiar a toda a frota bateeira da ría de Vigo

A actuación inscríbese na aposta da Xunta por mellorar os portos galegos, aos que se destinarán 35 millóns de euros este ano

Vilaboa (Pontevedra), 9 de xaneiro de 2026

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor a ampliación do porto de San Adrián de Cobres, en Vilaboa, como exemplo do compromiso do Goberno galego co sector do mar. Rueda, acompañado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, realizou esta mañá unha visita á instalación, na que comprobou o resultado dos traballos nos que se investiron un total de 1,8 millóns de euros, cofinanciados con fondos europeos.

Neste sentido, na súa intervención, subliñou a necesidade de que “seguir dispoñendo deses recursos europeos para poder seguir mellorando unha parte moi importante da economía de Galicia”. Por iso, fixo fincapé en que “temos que seguir traballando conxuntamente o Ministerio e a Xunta de Galicia para transmitir que, entendendo que agora no novo período económico en Europa hai outras necesidades, hai algunhas que teñen que permanecer”, incidiendo en que o sector primario “é unha das que non pode estar en discusión”.

Grazas á ampliación visitada hoxe, creáronse 16 prazas de amarre e un novo dique de abrigo, o que, segundo o presidente, permitirá traballar “con moitísima máis seguridade”. Desta forma, dáse servizo ao total da frota con base nesta instalación, ademais de que beneficia ao conxunto da ría de Vigo, xa que dará refuxio á frota mexilloeira de Domaio durante os episodios climatolóxicos adversos. Ao respecto, Rueda precisou que o Goberno galego traballa tamén na futura ampliación deste porto, actualmente en fase de tramitación ambiental. Esta aposta inscríbese no compromiso xeral da Xunta por mellorar as instalacións portuarias de toda Galicia, ás que se destinarán 35 millóns de euros en 2026.

Data de actualización: 09/01/2026