Cetmar consolida en 2025 o seu papel como axente estratéxico na innovación, a sostibilidade e a gobernanza marítima
Máis de medio cento de proxectos para impulsar a economía azul, a xestión sostible dos recursos mariños e a cooperación internacional
A coordinación da Estratexia Galega de Economía Azul reforza o papel de CETMAR como apoio técnico á Administración galega
Vigo, 11 de xaneiro de 2026
O Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), dependente da Consellería do Mar, pecha o exercicio 2025 cun balance moi positivo, consolidándose como un axente estratéxico para Galicia, España e Europa no avance da economía azul, a sustentabilidade mariña, a innovación tecnolóxica e a gobernanza marítima. Ao longo do ano, o centro desenvolveu unha intensa actividade en proxectos europeos, apoio técnico á administración galega e cooperación internacional, reforzando o seu papel como referente na xestión sostible dos recursos mariños.
Durante 2025, Cetmar liderou e participou nun total de 52 proxectos e servizos financiados por programas europeos, organismos internacionais e administracións públicas. Estes traballos abranguen ámbitos clave como a protección do medio mariño e a loita contra a contaminación, a planificación espacial mariña, a mellora da xestión pesqueira, marisqueira e acuícola, a observación e resiliencia do litoral fronte ao cambio climático, así como o apoio ao tecido socioeconómico costeiro. O centro reforzou tamén a súa presenza en redes e foros europeos, achegando coñecemento técnico a procesos de toma de decisións e á elaboración de políticas comunitarias.
Un dos sinais de identidade de Cetmar en 2025 foi o fortalecemento da súa actividade en cooperación ao desenvolvemento, sendo o único organismo en Galicia cun departamento específico centrado en pesca, marisqueo e acuicultura. A través de proxectos en África e América Latina, o centro contribuíu ao reforzo institucional, á capacitación de comunidades pesqueiras e á transferencia de coñecemento en sustentabilidade, seguridade alimentaria e valor engadido dos produtos do mar, proxectando internacionalmente o saber facer galego.
Ademais, este centro autonómico asumiu en 2025 a coordinación da Oficina Técnica da Estratexia Galega de Economía Azul, un papel clave para a articulación de políticas públicas, a coordinación interadministrativa e o seguimento de indicadores. Con este traballo, o centro afianza a súa posición como socio científico e tecnolóxico de referencia e como peza clave para a transformación azul de Galicia, conectando ciencia, administración, sector produtivo e sociedade, con vistas a un 2026 marcado polo 25 aniversario da entidade e novos retos de proxección europea e internacional.