A Xunta licita por 1 M€ a compra de equipamento electromédico e alta tecnoloxía para o novo servizo de urxencias do hospital de Ferrol e para a ampliación de consultas externas do Clínico de Santiago

As empresas interesadas neste contrato dispoñen ata o 26 de xaneiro para presentar as súas ofertas

O equipamento inclúe aparellos para mamografía, para esterilización, desinfección e hixiene, para monitorización dos pacientes, ademais de respiradores e lámpadas de quirófano

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2026

A Xunta publica no Portal de Contratos Públicos a licitación por un importe de  1.077.263 euros da subministración de equipamento electromédico e alta tecnoloxía con destino ao novo servizo de urxencias do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol e á ampliación de consultas externas do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

As empresas interesadas nesta contratación teñen de prazo ata o 26 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

Entre o material que se subministrará están lavacuñas termodesinfectadoras (4 para o Marcide e 1 para o Clínico); monitores de parámetros fisiolóxico de aplicación en pacientes adultos, pediátricos e neonatais (10 para o Marcide); oto-oftalmoscopios de parede (28 para o Marcide); respiradores de ventilación non invasiva (5 para o Marcide); respiradores de transporte (3 para o Marcide e 1 para o Clínico); lámpadas cirúrxicas LED (2 para o Clínico); e mamógrafo dixital de diagnóstico hospitalario (1 para o Clínico).

O subministro inclúe distribución, instalación e posta en marcha do material obxecto da contratación.

O novo servizo de urxencias do Marcide suporá un incremento de máis de 900 metros cadrados con respecto ao actual. Respecto das consultas externas do Clínico, o obxectivo das actuacións é habilitar preto de 5.300 metros cadrados de nova superficie neste edificio.

Data de actualización: 12/01/2026