A Xunta inviste 17.000 euros no equipamento das sedes de catro asociacións de veciños de Castroverde

O delegado territorial, Javier Arias, comprobou hoxe as melloras realizadas no local social de San Miguel do Páramo

Castroverde (Lugo), 12 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia destinou nos últimos meses máis de 17.000 euros a catro asociacións de veciños de Castroverde para mellorar o equipamento das súas respectivas sedes.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o local social da asociación cultural e veciñal Castro da Airexe, en San Miguel do Páramo, que incorporou os elementos básicos de cociña que permitirán sumar iniciativas gastronómicas á súa oferta de actividades. 

En concreto, o Goberno galego concedeulles unha axuda superior aos 3.000 euros para a adquisición e instalación dun lavalouzas e mesas de madeira. Na convocatoria do 2022 recibiran tamén 15.000 euros para obras de mellora e accesibilidade no inmoble e para a compra de equipamento básico.

Os apoios corresponden ao Plan específico de acción comunitaria destinado a colectivos  veciñais, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia, que impulsa a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Na última edición resultaron tamén beneficiadas no municipio as asociacións de Miranda, A Caxigueira e Faxilde-A Pumarega. 

O programa fixa unha contía máxima de axuda de 12.000 euros para obras e de 5.000 euros para equipamentos, co obxectivo de habilitar espazos de convivencia que favorezan o asociacionismo veciñal.

Ao respecto, o delegado territorial subliñou a importante función de cohesión social e dinamización cultural que realizan estas entidades, e destacou o labor da Xunta para “apoiar o seu funcionamento e as accións coas que unen aos veciños e veciñas de barrios e parroquias”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2026