A Xunta licita por preto de 3 M€ a subministración de sistemas de anestesia con destino aos hospitais do Servizo Galego de Saúde
A contratación responde á necesidade de adquisición de novos sistemas de anestesia para a área cirúrxica, o bloque obstétrico e as áreas de intervencionismo dos centros do Servizo Galego de Saúde, adaptados á evolución natural da tecnoloxía e ao compromiso institucional co proxecto de Anestesia Sostible
Os novos equipos permiten avanzar nos obxectivos estratéxicos do Servizo Galego de Saúde: traballar con moi baixos fluxos, reducir o uso de gases con elevado potencial de quecemento global e incorporar configuracións máis eficientes
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2026
A Xunta publica no Portal de Contratos Públicos, por medio da Consellería de Sanidade e por un importe de 2.994.750 euros, a licitación, mediante acordo marco, da subministración sucesiva de sistemas de anestesia con destino a hospitais do Servizo Galego de Saúde.
A contratación responde á necesidade de adquisición de novos sistemas de anestesia para a área cirúrxica, o bloque obstétrico e as áreas de intervencionismo dos centros do Servizo Galego de Saúde, adaptándose á evolución natural da tecnoloxía e ao compromiso institucional co proxecto de Anestesia Sostible.
Aínda que os equipos actualmente en uso garantiron durante anos unha práctica asistencial adecuada, o avance tecnolóxico permite mellorar de forma significativa a seguridade do paciente, grazas a sistemas de control máis precisos, unha xestión automatizada dos fluxos anestésicos e ferramentas de monitorización integradas.
Estas tecnoloxías optimizan a estabilidade intraoperatoria, reducen a variabilidade na administración de axentes anestésicos e facilitan o seguimento continuo e centralizado de consumos e emisións, aspecto esencial para medir o impacto ambiental da actividade asistencial sen comprometer a calidade clínica.
Novos obxectivos
Os novos equipos permiten avanzar nos obxectivos estratéxicos do Servizo Galego de Saúde: traballar con moi baixos fluxos, reducir o uso de gases con elevado potencial de quecemento global e incorporar configuracións máis eficientes.
Así mesmo, os algoritmos de control avanzado e as funcións de soporte á decisión clínica incrementan a seguridade do paciente ao permitir unha administración máis estable, predicible e económica dos axentes anestésicos.
Adicionalmente, a capacidade de rexistrar, analizar e reportar as emisións de maneira sistemática facilitará a integración de indicadores ambientais en toda a rede asistencial, reforzando simultaneamente a excelencia clínica e os obxectivos establecidos na Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde.