O delegado territorial da Xunta en Ourense supervisa o remate das obras de humanización dunha praza en Fonteboa, no concello de San Cibrao das Viñas
Manuel Pardo destacou que esta actuación é resultado dun acordo de cooperación subscrito entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o concello, que supuxo un investimento total de máis de 133.000 euros coa liquidación ascende á 341,03 € , dos que o 70% foi unha achega do Goberno galego
O obxectivo desta actuación foi actuar da praza xerada na confluencia das rúas Fonteboa e Camiño da auga, coa remodelación total do ámbito, incluíndo a dotación de novo arborado, mobiliario urbano e luminarias
Ourense, 13 de xaneiro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado da alcaldesa, Marta Novoa, supervisou esta mañá o remate das obras de humanización dunha praza en Fonteboa, no Concello de San Cibrao das Viñas, grazas a un acordo de cooperación subscrito entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o ente municipal, que contou cun investimento de máis de 133.000 euros, dos que o 70% foi unha achega do Goberno galego.
O delegado territorial explicou que o obxectivo desta actuación foi actuar da praza xerada na confluencia das rúas Fonteboa e Camiño da auga, coa remodelación total do ámbito, incluíndo a dotación de novo arborado,mobiliario urbano e luminarias. Deste xeito, pavimentouse a praza, nalgunhas zonas con lastras de granito e noutras con formigón e entre as intervencións levadas a cabo, compre destacar a demolición do muro e lavadoiro existente para a súa posterior reconstrución, así como as actuacións de drenaxe completa no recinto. Ademais, habilitouse unha beirarrúa de 2m de ancho.
Tamén detallou que a reforma completouse coa colocación de dúas novas luminarias e dun cartel coa lenda “Fonteboa”, así como na habilitación de catro alcorques con colocación de árbores, catro xardineiras con arbustos; e a instalación de seis bancos e papeleiras.
Manuel Pardo lembrou que esta intervención desenvólvese ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de iniciativas que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.
O representante do Goberno galego rematou destacando que dende a Xunta “consideramos que é necesario acometer actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas, servizos e equipamentos e, en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida dos seus habitantes e incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos rurais”