Preto de 20.000 persoas xa participaron no ensaio clínico SINCIGAL, que avalía a eficacia en adultos da vacina fronte ao virus respiratorio sincitial
Facilítase de forma extraordinaria a participación no estudo esta fin de semana, sen cita previa, nos 14 hospitais do Servizo Galego de Saúde
Mantense a vacinación ordinaria nos centros de saúde adscritos e nos puntos habilitados nos hospitais durante a semana
O grupo de idade con máis participantes ata o momento é o de 61 a 70 anos, con máis de 9.100 persoas
O ensaio clínico busca avaliar se a vacinación de adultos contra ao VRS reduce de forma significativa os ingresos hospitalarios
Os interesados en participar neste estudo teñen á súa disposición o teléfono gratuíto 900 842 217 para resolver dúbidas
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2026
A Consellería de Sanidade convoca de forma extraordinaria as persoas a partir de 18 anos que desexen formar parte do ensaio clínico SINCIGAL, que xa conta con máis de 19.400 participantes.
Para poder participar no estudo, que ten como obxectivo avaliar a redución de ingresos hospitalarios na poboación galega mediante a vacinación fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS), habilítanse puntos de vacinación esta fin de semana de forma extraordinaria nos 14 hospitais do Servizo Galego de Saúde para poder acudir sen necesidade de dispoñer de cita previa.
O ensaio clínico non avalía a efectividade da vacina, xa autorizada para a súa administración, senón que pretende constatar a súa eficacia á hora de reducir o número de ingresos hospitalarios por VRS en poboación adulta.
O estudo, que na súa primeira fase estaba destinado a maiores de 60 anos, xa se ampliou á poboación maior de idade e conta cunha participación de preto de 5.000 persoas na área sanitaria da Coruña e Cee; máis de 1.100 na de Ferrol; máis de 3.500 na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; máis de 3.600 na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; máis de 1.500 na de Vigo; máis de 2.700 na de Pontevedra e O Salnés; e preto de 1.800 na de Santiago de Compostela e Barbanza.
Por grupos de idade, os de maior participación son os de 61 a 70 anos (con máis de 9.100 persoas) e de 71 a 80 anos (con máis de 4.200). Ademais, participaron case 680 persoas de 18 a 40 anos, preto de 780 de 41 a 50 anos, máis de 2.500 de 51 a 60 anos, máis de 1.700 de 81 a 90 anos e máis de 300 persoas maiores de 90.
Ademais da vacinación extraordinaria en fin de semana, tamén se pode acudir sen cita aos hospitais en distintos horarios de luns a venres, que poden ser consultados na web do ensaio clínico SINCIGAL:
Ata o vindeiro 31 de xaneiro tamén estarán activos os centros de saúde participantes, que poden ser consultados na seguinte ligazón:
As persoas interesadas en participar neste estudo teñen á súa disposición o teléfono gratuíto 900 842 217 e a web do proxecto sincigal.com para resolver dúbidas.