O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, firmaron este convenio de colaboración
Galicia entra na carreira do deseño de procesadores cuánticos grazas ao novo laboratorio CESGA-IGFAE
Cun investimento de 2,2 M€, desenvolverase un laboratorio cuántico compartido especializado en tecnoloxías cuánticas aplicadas á física de partículas e nuclear
Será un espazo único en España no seu ámbito, co que a I+G+i dá un novo paso para liderar esta tecnoloxía que explora os límites do coñecemento actual
Román Rodríguez destaca que estamos “ante liñas punteiras de investigación que nos próximos anos serán clave para dar respostas innovadoras aos retos presentes”
Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, firmaron hoxe un convenio de colaboración entre o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) e o IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías), cun investimento de 2,2 M€, para crear un laboratorio compartido especializado en tecnoloxías cuánticas aplicadas á física de partículas e nuclear. “Un fito importante que fai posible que a nosa I+G+i se dote desta infraestrutura grazas ao traballo de dous centros de referencia nos seus respectivos campos”, sinalou Román Rodríguez.
Neste laboratorio, con sede en Santiago e baixo o nome de IGFAE-CESGA Quantum Computing Lab, traballarase no desenvolvemento dun procesador cuántico, co que Galicia entrará de cheo na carreira do deseño deste tipo de equipamentos. Para iso, o convenio posibilita a dotación de persoal investigador, equipamento e infraestruturas técnicas.
O IGFAE contribuirá coa súa experiencia en diversos campos e o CESGA aportará as súas capacidades en infraestruturas computacionais avanzadas e soporte tecnolóxico especializado. Concretamente, os recursos que aporta o CESGA están cofinanciados a través do PERTE Chip e de fondos propios da Consellería de Ciencia, mentres que a USC comprométese a asumir a consolidación e sustentabilidade operativa destes laboratorios.
Neste sentido, o representante do Goberno galego puxo en valor esta colaboración, pois “supón unha aposta decidida pola investigación de fronteira, aquela que explora os límites do coñecemento actual, e polas tecnoloxías cuánticas como motor de desenvolvemento económico”. O conselleiro fixo fincapé en que estamos “ante liñas punteiras de investigación que nos próximos anos serán fundamentais para dar respostas innovadoras aos retos presentes”, ademais de consolidar o CESGA como “infraestrutura científica de referencia e contribuír a proxección internacional da I+G+i e de Galicia como polo de tecnoloxías cuánticas e un territorio de ciencia e innovación”, engadiu. Precisamente, este é un dos eidos sinalados como prioritarios no Plan galego de investigación e innovación.
Aplicacións e liñas de investigación
O titular de Ciencia, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, coñeceu as instalacións do futuro laboratorio, que xa se está adecuando para a súa posta en marcha e que contará con 60 m² e terá de apoio espazos do IGFAE como a sala branca, laboratorios de microelectrónica, detectores gasosos ou escintiladores e salas de micromecanizado, metroloxía ou irradiación. Este laboratorio será, neste momento, o único en España destas características no ámbito da física nuclear e de partículas. Na visita tamén participaron o director científico do CESGA, Lois Orosa, e o director do IGFAE, Carlos A. Salgado.
O Quantum Computing Lab aplicarase á física de partículas, a física nuclear e á física fundamental, incluíndo liñas de investigación sobre simulación cuántica analóxica, plataformas experimentais (átomos fríos, ións atrapados, cúbits superconductores) e metodoloxías de detección e mitigación de erros, con especial atención á resiliencia fronte a perturbacións externas e radiación ambiental. Isto permitirá estudar e descubrir novas solucións a problemas moi relevantes neste eido.
Este laboratorio traballará cara o desenvolvemento dun procesador cuántico especialmente deseñado para estudar e facer novos descubrimentos en física de partículas e física nuclear. Por exemplo, poderíase afondar na estrutura do núcleo atómico e realizar simulacións. Un computador destas características neste laboratorio tamén permitiría introducir elementos para simular chorros de partículas e estudar as propiedades dun novo material chamado plasma de guarks e gluons que se produce no CERN.
Convenio coa UVigo
Nesta liña de traballo, o CESGA tamén asinará mañá un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo para a creación dun laboratorio mixto que se localizará no VQCC (Vigo Quantum Communication Center), dependente do AtlanTTic (Centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación) da UVigo. Este laboratorio, baixo o nome de Quantum Optical Computing Lab, dedicarase á investigación en computación cuántica óptica e conta cun investimento de 2,4 M€