O virus respiratorio sincitial aumenta a súa positividade e supera o 8 % no conxunto da comunidade
Na última semana rexistráronse 45 ingresos de persoas maiores de 60, dos cales 31 teñen máis de 80 anos
Requiriu hospitalización un lactante menor de dous meses
A taxa de consultas por bronquiolite en menores de dous anos está en descenso
A cobertura vacinal en bebés nados en campaña desde setembro é do 96,3 %
A Consellería de Sanidade ten en marcha o ensaio clínico SINCIGAL para avaliar a eficacia da vacina en adultos á hora de reducir ingresos por VRS
Ademais dos puntos de vacinación xa habilitados, esta fin de semana haberá xornadas de vacinación extraordinaria nos 14 hospitais das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde
Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2026
O virus respiratorio sincitial (VRS) continúa a aumentar a súa taxa de positividade e superou o 8 % na semana 2 do ano (do 5 ao 11 de xaneiro), segundo se recolle no informe semanal de seguimento deste virus que publica a Consellería de Sanidade.
Nesta última semana, obsérvase un descenso na taxa de consultas en atención primaria por bronquiolite en menores de dous anos, en concreto, diminuíu nun 18,2 % con respecto á semana previa.
En canto a hospitalizacións, rexistráronse dous ingresos na última semana na cohorte de nados entre abril e setembro de 2025 e unha hospitalización dun lactante menor de dous meses, que están a pasar a súa primeira onda do VRS.
Nestes grupos, a cobertura da inmunización fronte ao VRS é do 96,3 % no caso dos bebés que son vacinados nos hospitais galegos ao nacer dentro das datas da campaña e do 94,9 % para os nados fóra de campaña, de abril a setembro de 2025.
Sobre ingresos hospitalarios de nenas e nenos que xa pasaron algunha tempada de VRS, na última semana producíronse 5 ingresos entre os nados do 1 de abril de 2024 ao 31 de marzo de 2025; e un ingreso na cohorte de nados entre o 1 de abril de 2023 ao 31 de marzo de 2024.
En adultos, na segunda semana do ano rexistráronse 45 ingresos con VRS en maiores de 60 anos, dos cales 31 correspóndense a maiores de 80.
Ensaio clínico sobre a vacinación para maiores de 18 anos en marcha
En relación co virus do VRS, a Consellería de Sanidade vén de convocar de forma extraordinaria as persoas a partir de 18 anos que desexen formar parte do ensaio clínico SINCIGAL.
Para poder participar no estudo, que ten como obxectivo avaliar a redución de ingresos hospitalarios na poboación galega mediante a vacinación fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS), habilítanse puntos de vacinación esta fin de semana de forma extraordinaria nos 14 hospitais do Servizo Galego de Saúde para poder acudir sen necesidade de dispoñer de cita previa.
O ensaio clínico non avalía a efectividade da vacina, xa autorizada para a súa administración, senón que pretende constatar a súa eficacia á hora de reducir o número de ingresos hospitalarios por VRS en poboación adulta.
O estudo, que na súa primeira fase estaba destinado a maiores de 60 anos, xa se ampliou á poboación maior de idade.
Ademais da vacinación extraordinaria en fin de semana, tamén se pode acudir sen cita aos hospitais en distintos horarios de luns a venres, que poden ser consultados na web do ensaio clínico SINCIGAL.
Ata o vindeiro 31 de xaneiro tamén estarán activos os centros de saúde participantes, que poden ser consultados aquí.
As persoas interesadas en participar neste estudo teñen á súa disposición o teléfono gratuíto 900 842 217 e a web do proxecto sincigal.com para resolver dúbidas.