A Xunta impulsa 153 programas sociais para a xuventude e o voluntariado a través das axudas con cargo ao 0,7% do IRPF

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das subvencións mediante as que o Goberno galego colabora con 83 entidades

A estas propostas súmanselle os 31 proxectos vencellados ao acondicionamento de locais e adquisición de material para o seu equipamento

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continúa a fomentar un programa que nos últimos anos permitiu o desenvolvemento de importantes iniciativas en Galicia

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia colaborará este ano con 83 entidades no desenvolvemento dun total de 153  programas sociais divididos en dúas liñas de actuación, unha destinada á xuventude e outra ao voluntariado. Trátase dunhas subvencións que contan cun orzamento de 1,7 M€ con cargo ao 0,7 % do IRPF e cuxa resolución se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Así, 27 entidades xuvenís cumpren cos requisitos da convocatoria para levar a cabo 66 programas que teñen que ver coa xuventude, mentres que son 56 os grupos de acción voluntaria que acceden ás axudas para impulsar 87 propostas neste eido. No seu conxunto inclúense proxectos que fomentan o cambio social, o emprendemento na mocidade, a prevención da violencia de xénero, o acoso ou as condutas aditivas, a mellora dos hábitos saudables, os valores cívicos ou a igualdade, entre outros.

A estas iniciativas hai que engadir outros 31 proxectos que teñen que ver con investimento para a mellora dos locais nos que as entidades desenvolven a súa actividade, así como coa adquisición de material para o seu equipamento, e que corresponden con outras dúas liñas de actuación no marco destas axudas que comenzaron a funcionar desde o 2024.

Con estas achegas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continúa a potenciar un programa que  se considera esencial e que ten permitido nos últimos anos en Galicia a execución de importantes proxectos. Trátase, polo tanto, dun apoio que constitúe un verdadeiro instrumento de vertebración social na Comunidade e que ten o valor engadido de que se leva a cabo a través da asignación tributaria da cidadanía coa súa declaración anual da renda.

Cómpre lembrar que o tipo de entidades beneficiarias desta orde pertencen ao terceiro sector de acción social e cumpren con certos requisitos como o de estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico. De igual xeito, deben carecer de ánimo de lucro e os seus fins institucionais teñen que corresponder á realización e á execución de programas sociais de similar natureza á dos programas aos que van dirixidas estas axudas.

Tipoloxía de proxectos

O obxecto das subvencións son os programas de interese xeral que teñan fins de carácter social. Neste senso, no que respecta ás liñas para actuacións dirixidas á xuventude, priorizáronse as propostas vencelladas á prevención de riscos contra a saúde da mocidade e a promoción de hábitos de vida saudables, así como aqueles proxectos que procuran a mellora da empregabilidade da mocidade ao igual que aquelas iniciativas de educación non formal que faciliten a súa integración social.

No ámbito das accións destinadas ao voluntariado, valoráronse as iniciativas que fomentan a participación activa en entidades destas características. Tamén aqueles programas dirixidos á formación das persoas voluntarias, así como á adquisición de experiencias que permitan obter novas habilidades e competencias. A estes, engádenselle os que teñen como finalidade sensibilizar a poboación en xeral sobre a importancia da acción voluntaria e o seu recoñecemento como axente de cambio e transformación social.

Data de actualización: 15/01/2026