A Xunta destina 1,8 M€ a pór en marcha programas sociais para a xuventude e o voluntariado con cargo ao 0,7 % do IRPF
O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar estas axudas dirixidas ao terceiro sector para a realización de proxectos relacionados coa saúde ou o emprego, entre outros
Tamén se enfocan no acondicionamento de instalacións xuvenís en na adquisición de material e equipamento para este tipo de locais
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude potencia unha iniciativa que nos últimos tempos constituíu un relevante instrumento de vertebración social
A partida, que aumenta en 100.000€ a anterior, repártese en axudas que van desde os 10.000€ aos 30.000€
Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2026.
O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a convocatoria de axudas para desenvolver programas de carácter social vencellados á xuventude e a accións de voluntariado con cargo ao 0,7 % do Imposto sobre Renda das Persoas Físicas, un programa para o que a Xunta de Galicia conta este ano con 1,8 M€, 100.000 máis que no exercicio anterior.
Trátase dunha vía de financiamento que nos últimos anos constituíu un relevante instrumento de vertebración social permitindo a implementación de importantes iniciativas neste eido e que teñen o valor engadido de que se levan a cabo a través da asignación tributaria da cidadanía coa súa declaración anual da renda.
Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continúa a potenciar un programa que se divide en catro liñas: unha para actuacións dirixidas á xuventude (723.885€€), outra para propostas destinadas ao voluntariado (683.011€) e outras dúas, que funcionan desde 2024, para mellorar os locais das entidades xuvenís (200.000€) e de voluntariado (200.000€) de maneira que conten con partidas para acondicionar as súas instalacións e con recursos para a adquisición de material e equipamento.
O obxecto das subvencións son os programas de interese para a cidadanía que teñan fins de carácter social e que se vaian desenvolver integramente en Galicia durante o ano 2027. No que respecta ás actuacións dirixidas á xuventude, centraranse en propostas que teñan que ver coa prevención de riscos contra a saúde da mocidade e a promoción de hábitos de vida saudables. Do mesmo xeito, tamén serán obxecto destas axudas aqueles proxectos que procuren a mellora da empregabilidade da xente nova ao igual que aquelas iniciativas de educación non formal que faciliten a súa integración social.
En canto ao ámbito do voluntariado, valoraranse as iniciativas que promovan a participación activa en accións deste tipo a través de entidades que se dediquen a este cometido. Tamén serán obxecto desta subvención aqueles programas dirixidos á formación das persoas voluntarias así como á adquisición de experiencias que permitan obter novas habilidades e competencias ou melloralas. A estes, engádenselle os que teñan como finalidade sensibilizar a poboación en xeral sobre a importancia da acción voluntaria e o seu recoñecemento como axente de cambio e transformación social, destacando o acompañamento de maiores ou o coidado do medio ambiente.
No que respecta ao equipamento das entidades xuvenís e de acción voluntaria, poden pedir as axudas para investir na rehabilitación e acondicionamento dos locais onde prestan os seus servizos, así como para outras necesidades xustificadas como a adquisición de material ou vehículos.
A convocatoria está dirixida ás entidades do terceiro sector de acción social e a Cruz Vermella Española, sempre que reúnan certos requisitos. Tamén cómpre precisar que o orzamento mínimo por cada proxecto para poder acceder ás axudas debe ser de 5.000€. Ademais, segundo o ámbito de actuación, autonómico, local ou provincial, da federación, confederación, agrupación, entidade ou asociación determinarase o número máximo de iniciativas coas que pode concorrer, así como a contía máxima que se concederá para cada unha delas, que pode ir desde os 10.000€ ata os 30.000€.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no prazo dun mes a partir do día seguinte da publicación no Diario Oficial de Galicia.