O conselleiro de Sanidade, xunto coa directora xeral de Saúde Pública e a directora do Centro galego para o control e prevención de enfermidades, presentou o Plan galego de infeccións de transmisión sexual 2026-2030
A Xunta pon en marcha un plan pioneiro para acabar coas infeccións de transmisión sexual como problema de saúde pública no horizonte de 2030
Gómez Caamaño destaca que, no marco do Plan, elaborarase un mapa de recursos que recolla todas as entidades sanitarias e comunitarias relacionadas coa atención da saúde sexual
Subliña que se facilitarán medios de protección como preservativos, faranse campañas de comunicación e estableceranse alianzas coa farmacia comunitaria
Sanidade fará cribado oportunista de VIH nos tramos de idade de maior incidencia, tanto en primaria como hospitalaria, ampliará o cribado oportunista de hepatite C ao grupo de 40 a 49 anos e incorporará, tamén a hepatite B
Deseñarase un cribado pioneiro en España ofrecendo a grupos de idade de maior incidencia ou maior risco a detección precoz de infeccións de transmisión sexual como a gonorrea mediante a realización de autotoma no propio domicilio
A incidencia das principais infeccións de transmisión sexual en Galicia está por debaixo da media nacional, pero con tendencia crecente: no VIH é de 5,1 casos por 100.000 habitantes; na gonorrea de 33; e na sífilis de 10 por 100.000 habitantes
O plan conta co aval científico de diversas entidades, como a Sociedade galega de Medicina Preventiva ou a Sociedade galega de Microbioloxía
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2026
Acabar coas infeccións de transmisión sexual como problema de saúde pública no horizonte de 2030 é o obxectivo do Plan da Xunta que hoxe presentou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.
O titular da carteira sanitaria, acompañado da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e da directora do Centro galego para o control e prevención de enfermidades (Cegace), Marta Piñeiro, sinalou que o plan marca como meta reducir a incidencia de cada unha das infeccións de transmisión sexual nun 5 % cada ano.
Para conseguir estes obxectivos, o Goberno galego destinará un orzamento de 195 millóns de euros en cinco anos, dos que 177 se destinan a ferramentas de diagnóstico e tratamento. Tamén se fará un forte esforzo en prevención, ademais de investigación e concienciación social.
Medidas destacadas
O máximo responsable de Sanidade dixo que, entre as medidas máis destacadas do plan, están a elaboración dun mapa de recursos en saúde afectiva que recolla todas as entidades sanitarias e comunitarias relacionadas coa atención da saúde sexual.
Polo que atinxe á atención primaria, facilitaranse medios de protección como preservativos, faranse campañas de comunicación e estableceranse alianzas coa farmacia comunitaria.
Engadido ao anterior, e de forma novidosa, realizaranse cribados oportunistas de VIH e hepatite B e C, así como outras infeccións de transmisión sexual como a gonorrea.
Concretamente, o conselleiro dixo que o seu departamento fará cribado oportunista de VIH nos tramos de idade de maior incidencia, tanto en primaria como hospitalaria, e ampliarase o cribado oportunista de hepatite C ao grupo de 40 a 49 anos. Ademais, Sanidade incluirá o cribado oportunista de hepatite B.
De forma pioneira en España, a Consellería de Sanidade deseñará un cribado de gonococo, clamidia e mycoplasma, mediante a realización de autotoma no propio domicilio. Este ano desenvolverase un proxecto piloto que definirá os grupos de idade ou os grupos de risco aos que se ofrecerá.
O conselleiro remarcou que se trata dun plan ambicioso co que Galicia aspira a seguir consolidando a súa posición de liderado en materia de saúde pública e prevención de enfermidades.
Tamén puxo en valor que o plan conta co aval científico de diversas entidades como a Sociedade galega de Medicina Preventiva ou a Sociedade galega de Microbioloxía.
Así mesmo, Gómez Caamaño remarcou que o plan foi consensuado coas consellerías da Xunta competentes en Igualdade e Xuventude.
Abordaxe integral e obxectivos estratéxicos
Na presentación do plan, o conselleiro referiu que este documento parte dun cambio substancial, de tal xeito que, en lugar de afrontar o VIH e outras infeccións de forma illada, optouse por unha abordaxe integral.
Esta abordaxe, estará baseada na prevención, no diagnóstico precoz e tratamento, na atención á súa cronicidade e, ademais, na mellora da calidade de vida das persoas afectadas.
Gómez Caamaño dixo que este plan busca mellorar o sistema de vixilancia epidemiolóxica, así como diminuír a incidencia destas infeccións e protexer a saúde sexual da poboación.
Outros obxectivos estratéxicos citados polo conselleiro son diagnosticar de xeito precoz as infeccións de transmisión sexual para evitar complicacións e cortar a cadea de transmisión; e facilitar o acceso ao sistema sanitario así como asegurar o tratamento.
Esta iniciativa tamén busca mellorar a calidade de vida das persoas que viven con VIH, evitando o estigma e a discriminación; fortalecer as capacidades técnicas dos profesionais da saúde e, así mesmo, promover a innovación sobre a vixilancia destas infeccións.
Pola súa banda, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, fixo unha presentación polo miúdo do plan e lembrou o traballo previo da Xunta neste eido, que inclúe a iniciativa pioneira a nivel mundial de ofrecer a vacina da meninxite B para obter unha cruzada fronte ao gonococo.
Actualmente a incidencia das principais infeccións de transmisión sexual en Galicia está por debaixo da media nacional, aínda que con tendencia crecente. No VIH é de 5,1 casos por 100.000 habitantes; a gonorrea, de 33 casos por 100.000 habitantes; e a sífilis de 10 casos por 100.000 habitantes.
Presentación aos profesionais
Con posterioridade á rolda de prensa, o conselleiro interveu, no salón de actos da Consellería de Sanidade, na inauguración dunha xornada dirixida a profesionais e axentes especializados para presentarlles o plan.
A xornada aborda a situación actual das infeccións de transmisión sexual, cunha mesa redonda moderada pola directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Eva Poveda, baixo o título: As ITS, miradas múltiples, retos compartidos.