O concurso ‘Lucus intercentros’ reúne na sede da Xunta a alumnado de sete institutos de Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, participou na entrega de premios do certame, organizado polo IES Muralla Romana  e que rematou coa vitoria do IES Lucus Augusti

Lugo, 16 de xaneiro 2026

Alumnos e alumnas de primeiro curso de Bacharelato de sete institutos da cidade disputaron hoxe na sede da Xunta en Lugo o XIII Concurso Lucus Intercentros, que promove o IES Muralla Romana.

O delegado territorial, Javier Arias, participou no acto de entrega de premios do certame, que gañaron os representantes do instituto Lucus Augusti, seguidos polos equipos do Ánxel Fole, Nosa Señora dos Ollos Grandes e Leiras Pulpeiro, nesa orde de clasificación. Tamén participaron o centro organizador e máis o Sanxillao e o Xoán Montes.

Os equipos de cada instituto, con tres integrantes cada un, tiveron que responder a preguntas elaboradas por profesorado de distintos centros sobre distintas áreas de coñecemento, tanto científicas como de humanidades ou idiomas.

O IES Muralla Romana promove o concurso para fomentar as relacións entre os institutos lucenses e para ofrecerlles aos estudantes a oportunidade de poñer en práctica os seus coñecementos teóricos. Así, o seu alumnado do ciclo de Asistencia á Dirección traballa na organización, e o do ciclo de Son do IES Sanxillao encárgase da realización técnica.

Arias felicitou a organizadores e participantes neste certame, “que fomenta a colaboración entre institutos e ofrece aos estudantes experiencias prácticas que poñen de manifesto o seu talento e implicación”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/01/2026