A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe este núcleo teense

A Xunta e o Concello de Teo completan a renovación da rede de abastecemento na rúa Loureiro, que garante a calidade do subministro a máis de 200 familias

A obra, financiada ao 100% por Augas de Galicia, consistiu en substituír a condución da traída na rúa Loureiro para poñer fin aos cortes puntuais que sufría esta zona

Ángeles Vázquez salienta que ademais de investir e apoiar ás entidades locais na execución de grandes infraestruturas hidráulicas, a Xunta tamén se implica en pequenos proxectos municipais como este que teñen un gran impacto na veciñanza

Teo (A Coruña), 17 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia e o Concello de Teo acaban de completar as obras de renovación da rede de abastecemento na rúa Loureiro, actuación que beneficiará a máis de 200 familias dos Tilos, un dos principais núcleos de poboación do concello coruñés.

Así o explicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, quen visitou a zona na que se executou a intervención acompañada polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e pola alcaldesa de Teo, Lucía Calvo.

En canto á actuación —acometida polo Concello e cun investimento de 30.100 euros financiados na súa totalidade pola Xunta— cómpre indicar que os traballos consistiron na substitución da rede antiga de abastecemento que recorre esta rúa e da que parten todas as acometidas que dan servizo aos edificios localizados ao longo da vía.

Tras lembrar que a veciñanza desta zona sufría cortes puntuais de auga por avarías bastante frecuentes na rede, coas conseguintes molestias e custos de reparación, a conselleira destacou que grazas á renovación executada na condución as vivendas da rúa Loureiro terán garantido un subministro de auga potable continuo e de calidade e lembrou que con anterioridade o Concello xa acometera tamén nos Tilos os traballos necesarios para renovar a rede de abastecemento das rúas Carballo e Buxo.

Así mesmo, Ángeles Vázquez incidiu en que esta obra se enmarca nun convenio de colaboración subscrito en novembro do ano pasado entre a súa Consellería e o Goberno municipal, unha fórmula que, tal e como destacou, se utiliza habitualmente para apoiar ás entidades locais co financiamento de pequenas actuacións hidráulicas moi necesarias.

Neste sentido, salientou que o apoio de Augas de Galicia ás administracións locais se traduce non só na construción de grandes obras e infraestruturas de abastecemento e de depuración senón tamén na súa implicación directa en proxectos de menor envergadura pero que ofrecen unha solución técnica viable a problemas relacionados coa prestación destes servizos e que, por ese mesmo motivo, teñen un impacto moi positivo na calidade de vida da veciñanza.

De feito, lembrou que só o ano pasado o organismo hidráulico autonómico subscribiu unha ducia de convenios similares ao de Teo para financiar outras tantas actuacións e cun investimento global por parte da Xunta de máis de 1,5 millóns de euros.

Este apoio ás administracións locais reflíctese tamén nos orzamentos de 2026, cun orzamento global de Augas de Galicia de 151,7 millóns de euros (un 5,5% máis que en 2025) dos que 7 de cada 10 euros se destinarán a abastecemento e saneamento —108,7 millóns de euros— e case a metade —73,6 millóns—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2026