Sesenta alumnos de 15 institutos debutan na nova Liga escolar de debate impulsada pola Xunta

A iniciativa, dirixida a estudantes de 3º e 4º de ESO, enmárcase dentro das accións da Consellería de Educación para o reforzo da competencia lectora

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2026

Arredor de 60 alumnos de 15 institutos públicos participan na nova Liga escolar de debate, que estrea este curso a súa primeira edición cunha representación de concellos de toda a Comunidade. Trátase dunha iniciativa que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP impulsa dentro das actuacións encamiñadas ao reforzo da competencia lectora.

A Liga escolar de debate está pensada como un foro de discusión a través do cal os estudantes poden mellorar a súa oratoria e a exposición de argumentos. Tamén promove valores como a resolución de conflitos mediante o diálogo, a cooperación, o respecto e o traballo en equipo. A iniciativa ten, de feito, un carácter formativo e non competitivo.

A preparación do debate fai necesario traballar a expresión e a comprensión, tanto oral como escrita, á vez que se desenvolve o pensamento crítico. Deste xeito, a actividade ofrece aos docentes unha ferramenta de gran utilidade para a formación integral do alumnado e para o desenvolvemento dos contidos de cada materia.

Cada centro participa cun equipo de debate, formado por catro alumnos de 3º e 4º da ESO, ou con alumnado combinado de ambos os niveis, garantindo sempre a diversidade de xénero na súa composición. A relación de centros participantes é a seguinte:

Concello

Centro

 

Provincia da Coruña

Ponteceso

IES Eduardo Pondal

 

Teo

IES de Cacheiras

 

Muxía

IES Ramón Caamaño

 

Santa Comba

IES Terra de Xallas

 

Negreira

IES Xulián Magariños

 

Zas

IES Maximino Romero de Lema

 

Ferrol

IES Saturnino Montojo

 

Provincia de Lugo

Monforte de Lemos

IES Río Cabe

 

Friol

CPI Plurilingüe Dr. López Suárez

 

Ribadeo

IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

 

Provincia de Pontevedra

Vigo

IES A Guía

 

Silleda

IES Plurilingüe Pintor Colmeiro

 

Ponteareas

IES Val do Tea

 

Lalín

IES Laxeiro

 

Ponteareas

IES Plurilingüe Pedra da Auga

 

O centro gañador da fase final da I Liga escolar de debate recibirá un recoñecemento especial polo esforzo e o traballo do alumnado. Ademais, os coordinadores da actividade e os docentes de apoio obterán un certificado de innovación educativa cunha equivalencia de 30 e 20 horas, respectivamente, de formación permanente do profesorado.

Plan de lectura, escritura e acceso á información

Esta acción enmárcase dentro das accións da Consellería para o reforzo da competencia lectora, para o cal se puxo en marcha o novo Plan de lectura, escritura e acceso á información, dentro do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia. Isto inclúe a implantación dun tempo de lectura diario na aula dentro da xornada lectiva dedicado a este hábito para estimular a comprensión e fomentar o pensamento crítico.

Outra das novidades é a incorporación, tamén este curso, do modelo Global Classrooms, un debate escolar en inglés impulsado por Nacións Unidas e dirixido ao alumnado de 3º de ESO, que fomenta a participación de centros a nivel nacional e internacional. Esta primeira edición ten un carácter experimental e foron escollidos oito centros.

Data de actualización: 16/01/2026