O Plan de formación continua para o persoal do Servizo Galego de Saúde oferta 539 actividades en 2026
O plan, publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, busca reforzar a capacitación e a actualización continua dos profesionais do sistema público de saúde
Trátase dunha oferta formativa ampla e especializada, combinando contidos transversais con accións específicas segundo os distintos postos e perfís profesionais
A programación aposta por diferentes contornas e metodoloxías de aprendizaxe, distribuíndo a oferta nas modalidades de teleformación, telepresenza, autoformación e formación presencial
Coa expansión das modalidades telemáticas, preténdese facilitar o acceso á formación e favorecer a conciliación, xerando contornas de aprendizaxe flexibles, adaptativas, avaliables e certificables
O plan continúa impulsando a simulación clínica como metodoloxía clave para adestrar habilidades críticas e a toma de decisións en contornas seguras
Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha resolución conxunta da Dirección Xeral de Recursos Humanos e da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) pola que se convoca o Plan de formación continua para o persoal do Servizo Galego de Saúde para o ano 2026, que contará con 539 actividades.
O plan ten por obxectivo reforzar a capacitación e a actualización continua dos profesionais do sistema público de saúde da comunidade, un factor clave para seguir a mellorar a calidade da asistencia sanitaria.
A formación continua constitúe unha ferramenta esencial para promover a aprendizaxe permanente ao longo da carreira profesional, así como para impulsar o desenvolvemento de competencias. Neste sentido, o plan formativo contribúe decisivamente á actualización de coñecementos e habilidades e a formación ten un papel relevante no baremo ordinario da carreira profesional aplicable nas vindeiras convocatorias.
Especializado e adaptado aos distintos perfís profesionais
O plan integra unha oferta formativa ampla e especializada, combinando contidos transversais con accións específicas segundo os distintos postos de traballo e perfís profesionais.
A programación aposta por diferentes contornas e metodoloxías de aprendizaxe, distribuíndo a oferta nas modalidades de teleformación, telepresenza, autoformación e formación presencial.
Coa expansión das modalidades telemáticas, preténdese facilitar o acceso á formación e favorecer a conciliación, xerando contornas de aprendizaxe flexibles, adaptativas, avaliables e certificables.
Deste xeito, as actividades formativas que se ofertan son 539. Delas, 271 son en teleformación; presenciais 266; e de telepresenza, 2. O total de horas lectivas programadas é de 5.299.
Un dos eixes máis salientables do plan é o impulso da autoformación (99 cursos), incrementando un 15 % estas actividades, que contan cun formato deseñado para maximizar a accesibilidade. As actividades están dispoñibles os 365 días do ano, as 24 horas, e o alumnado pode inscribirse en calquera momento, ao contar ademais con prazas ilimitadas.
Contidos prioritarios
O plan reforza de maneira especial as novas competencias transversais e estratéxicas, con protagonismo para as competencias dixitais a través do itinerario ComDix, que incorpora formación específica e sinalada e permite obter o certificado galego en competencias dixitais ComDix no nivel iniciación ao completar o percorrido.
Ademais, fortalécese a capacitación no idioma galego aplicada ao ámbito sanitario, con accións como “O galego no ámbito sanitario” e propostas de mellora da corrección lingüística na documentación profesional, xunto cun curso de “Galego básico para a atención sanitaria” dispoñible en autoformación todo o ano.
Xunto a isto, o plan continúa impulsando a simulación clínica como metodoloxía clave para adestrar habilidades críticas e a toma de decisións en contornas seguras, con actividades presenciais baseadas en escenarios de simulación e adestramento en urxencias, soporte vital e manexo do paciente grave.
O programa de formación presencial prioriza diversas áreas de especialización clínica e técnica orientadas á alta complexidade, o soporte vital e o diagnóstico avanzado. Polo que atinxe á autoformación, para mellorar a atención ao paciente, priorízase un conxunto de competencias técnicas e transversais centradas na seguridade, a especialización clínica e a calidade humana no trato.
Consello de Formación Continua
O plan foi elaborado e impulsado no marco do Consello de Formación Continua, órgano no que participan representantes do Servizo Galego de Saúde, da ACIS e das organizacións sindicais CIG, CC.OO., UGT e CSIF, asinantes do acordo de formación continua.
A proposta final deriva da análise de necesidades formativas realizada coa participación de profesionais e mandos intermedios de todas as categorías e áreas sanitarias.
Os interesados poderán consultar a oferta e formalizar a inscrición a través do buscador de actividades formativas e da web da ACIS.