A Xunta somete a información pública o proxecto para a construción da nova senda na PO-221, entre Alende e A Espedregueira, no concello de Moraña
Esta actuación ten como obxectivo unha circulación confortable para os peóns e ciclistas entre estes núcleos do municipio pontevedrés e suporá un orzamento da Xunta de preto de 380.000 euros
Proponse executar un itinerario mixto de algo máis de medio quilómetro de lonxitude pola marxe dereita da PO-221, cunha anchura da zona de algo máis de 2 metros, bordo incluído
O prazo para presentar alegacións a este proxecto será o vindeiro día 4 de marzo
Santiago de Compostela.- 20 de xaneiro de 2026
A Xunta publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que somete ao trámite de información pública o proxecto para executar unha senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-221, entre Alende e A Espedregueira, no concello de Moraña.
O prazo para presentar alegacións a este proxecto será o vindeiro día 4 de marzo.
Esta actuación de mellora da mobilidade e da seguridade viaria suporá un investimento autonómico da Xunta de preto de 380.000 euros, no que se inclúe o pagamento dos 28 predios necesarios para executar as obras.
A intervención céntrase na execución dunha senda mixta na PO-221, que permita realizar ao longo da vía, unha circulación confortable para os peóns e ciclistas desde o núcleo de Alende (punto quilométrico 6+260) ata a intersección coa EP-0018 (Xeve – Amil – A Espedregueira), no núcleo da Espedregueira (quilómetro 6+800).
Proponse así a construción da senda pola marxe dereita da estrada, cunha lonxitude aproximada de algo máis de medio quilómetro, dunha anchura da zona mixta de 2,02 metros (bordo incluído). Ademais, no espazo entre o novo itinerario e a estrada prevese aproveitar o espazo para dispoñer a rede de sumidoiros ao longo da PO-221.
Na intervención proxectada pola Xunta, prevese tamén a disposición dunha gabia de seguridade entre os puntos quilométricos 6+360 e 6+700, aproveitando o espazo existente entre a senda e o límite da plataforma actual da PO-221; que servirá para absorber o ancho da futura ampliación da plataforma desta vía autonómica.
O Obxectivo da Xunta é poder aprobar o proxecto no primeiro trimestre do 2026, realizar a convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións, e a continuación supervisar e aprobar o proxecto construtivo e posterior licitación das obras. O prazo estimado de execución dos traballos é de nove meses.
Documentos relacionados
- Planos de localización da zona da senda que se somete a información pública