Belén do Campo valora que os comerciantes e artesáns santiagueses solicitasen axudas para apoiar a dixitalización, a innovación e a sustentabilidade
A delegada da Xunta visitou esta mañá dous establecementos en Santiago de Compostela beneficiarios da orde de axudas de apoio ao comercio minorista e artesanal
A convocatoria, para este ano 2026, está dotada con 4 millóns de euros e incorpora importantes melloras, como a ampliación do período subvencionable, que pasa a comprender gastos realizados desde o 25 de outubro de 2025, así como a simplificación administrativa e a axilización do procedemento de concesión e dos pagamentos anticipados
Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, realizou esta mañá unha visita a varios establecementos comerciais na cidade de Santiago de Compostela, que forman parte dos negocios beneficiarios da orde de axudas de apoio ao comercio retallista e artesanal do ano 2025.
Entre eles atópase o herbario Aloya, que contou cunha achega económica que lle permitiu reformar un espazo en desuso do comercio para poder abrilo ao público e organizar talleres. Do mesmo xeito, o comercio Core Surfing recibiu unha subvención destinada á implantación de ferramentas dixitais para a mellora do deseño da súa web e do SEO (optimización para motores de busca).
Durante o percorrido, Belén do Campo destacou a relevancia destas axudas para o tecido comercial da comarca. Neste sentido, lembrou que no último exercicio resultaron beneficiarios na comarca de Santiago de Compostela un total de 53 negocios, localizados nos concellos de Santiago de Compostela (42), Ames (7), Teo (3) e Vedra (1), cun investimento global que superou os 261.000 euros. No conxunto da provincia da Coruña, as subvencións chegaron a 268 comercios e obradoiros artesanais, cun importe total de máis de 1,3 millóns de euros, mentres que en toda Galicia se apoiaron máis de 700 establecementos cun investimento próximo aos 4 millóns de euros.
Nova convocatoria 2026
Esta nova edición mantén tres liñas de apoio compatibles entre si, enfocadas a impulsar a dixitalización, a innovación e a sustentabilidade no comercio de proximidade e no sector artesanal.
A orde de axudas conta novamente cun orzamento próximo aos 4 millóns de euros e enmárcase no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.
Entre as principais novidades desta convocatoria, Belén do Campo salientou a ampliación do período subvencionable, que abranguerá gastos realizados desde o 25 de outubro de 2025, así como a redución da carga administrativa e a mellora dos prazos tanto na resolución das solicitudes como no pagamento dos anticipos. As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva, por orde de entrada.
A representante da Xunta puxo tamén en valor que as axudas cubran o 80% do investimento. Os beneficiarios poden solicitar un 50% de anticipo para axudas superiores a 3.000€
Poden beneficiarse destas subvencións os comercios retallistas de Galicia que teñan a condición de pemes con ata dez persoas traballadoras, así como os obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. A convocatoria está igualmente dirixida a persoas autónomas, empresas e comunidades de bens legalmente constituídas.
As axudas permitirán financiar un amplo abano de actuacións orientadas á modernización do comercio de proximidade, incluíndo proxectos de dixitalización —como a creación ou mellora de páxinas web, tendas en liña ou ferramentas de xestión—, accións de innovación comercial e mellora da imaxe dos establecementos, así como iniciativas destinadas á eficiencia enerxética e á sustentabilidade ambiental.
Para rematar, Belén do Campo subliñou que para a Xunta de Galicia “o comercio e a artesanía son sectores clave desde o punto de vista económico, social e territorial, pola súa capacidade para crear emprego, dinamizar vilas e cidades e contribuír á fixación de poboación no territorio”.