No marco da semana europea de prevención do cancro de colo de útero, a Consellería de Sanidade destaca os resultados do programa

A Xunta diagnostica 89 cancros de colo uterino grazas ao programa de detección precoz, o 77 % en fase inicial

Tamén foron detectadas máis de 1.906 lesións precancerosas

A detección temperá mellora as posibilidades de tratamento e supervivencia das pacientes

Desde o inicio do programa, a Xunta invitou a participar 283.271 mulleres de toda Galicia e a resposta supera o 60 %

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2026

O Programa galego de detección precoz de cancro de cérvix, posto en marcha pola Xunta no ano 2021, diagnosticou, ata mediados de outubro de 2025, un total de 89 cancros, dos que o 77 % estaban en fase inicial. Desta forma, o cribado mellora as posibilidades de tratamento e supervivencia das pacientes.

A Consellería de Sanidade, coincidindo coa semana europea de prevención do cancro de colo de útero, fai balance do programa que a Xunta iniciou na área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos no ano 2021 e que na actualidade está implantado en toda Galicia.

Desde o comezo do programa, a Consellería de Sanidade invitou a participar 283.271 mulleres, o que representa máis do 60 % das mulleres de 35 a 65 anos.

Ao longo deste ano 2026, como avanzou o conselleiro de Sanidade no Parlamento, a Xunta incorporará ao programa as mulleres de 25 a 35 anos.

Sanidade leva analizadas, a xaneiro de 2026, preto de 233.366 mostras. A positividade global ao virus do papiloma humano (VPH) sitúase no 6,91 %. 

Ademais, no período que vai desde o inicio do programa e ata mediados de outubro de 2025, detectáronse 1.906 lesións precancerosas.

Como participar

A poboación diana deste cribado son as mulleres de 35 a 65 anos residentes en Galicia e con cobertura sanitaria polo sistema público. A invitación realízase mediante carta ou SMS. As mulleres que aceptan participar poden escoller entre recoller a mostra cun dispositivo de autotoma (que reciben no seu domicilio) ou cita coa matrona para realizar a proba. O 44 % elixe cita coa matrona e o 56 % elixe autotoma.

A proba primaria de cribado é a detección de infección polo virus de papiloma humano de alto risco (VPH-AR). Se esta proba é negativa, repetirase aos 5 anos.

Se a proba é positiva, non implica ter cancro necesariamente. É preciso verificar que non existen anomalías nas células, polo que se realizará unha citoloxía. Segundo o xenotipo do virus así como o resultado da citoloxía, estableceranse diferentes actuacións clínicas: seguimento nun período de tempo variable mediante repetición de probas ou derivación a colposcopia para descartar presenza dunha lesión premaligna ou maligna do colo do útero.

Toda muller derivada a colposcopia recibirá, xunto coa cita xestionada polo programa de cribado, unha folla informativa sobre a realización da proba e os posibles resultados.

Unha vez realizada a colposcopia e biopsiadas, se é o caso, as lesións suxestivas de malignidade, faise unha avaliación individual do risco en función do resultado da anatomía patolóxica e establecerase o seguimento adecuado. Este resultado da avaliación comunícaselle por carta á persoa interesada.

No caso de que se detecte algunha lesión premaligna ou cancro, o programa xestiona directamente unha cita no Servizo de Xinecoloxía correspondente.

A Xunta tamén anunciou a finais do pasado ano a extensión do cribado de cancro de cérvix, ademais do de colon, ao conxunto de centros penitenciarios da comunidade galega.

Cómpre lembrar que a Consellería de Sanidade publicou recentemente, no Portal de Contratos Públicos, a licitación, por importe de 494.406 euros, da subministración sucesiva de dispositivos autotoma para a recollida de material celular da vaxina para o programa de cribado poboacional de cancro de cérvix. Adquiriranse 180.000 dispositivos ata 2029 para as mulleres que conforman a poboación diana deste cribado.

Vacinación

Desde 2008 a Xunta ofrece, no caso das nenas, e desde 2022 en nenos, a vacina fronte ao virus do papiloma humano ao cumpriren os 12 anos. En setembro de 2024, o Executivo galego anticipouse en varios meses ás recomendacións da Comisión Nacional de Saúde Pública e ampliou a vacinación a todos os nenos ata 18 anos. Esta vacinación ampliouse de novo, en maio do pasado ano, elevándoa ata os 21 anos.

As taxas de cobertura nos nados no 2012 é do 98,77 % no conxunto de Galicia e, desglosado por áreas sanitarias: do 100 % na da Coruña e Cee; do 97,41 % na de Ferrol; do 96,83 % na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; do 100 % na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; do 96,7 % na de Pontevedra e O Salnés; do 100% na de Santiago de Compostela e Barbanza  e do 96 % na de Vigo.

Data de actualización: 21/01/2026