Esta tarde, na presentación do Xeodestino Celanova – Serra do Xurés ‘Monográfico Turismo Rural de Terras de Celanova – Serra do Xurés’ no stand de Galicia en Fitur

Manuel Pardo aposta por un turismo de calidade e sostible como é o do xeodestino Celanova – Serra do Xurés

O delegado territorial destacou que o coñecemento e a posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico é unha necesidade da nosa sociedade para conseguir un desenvolvemento sostible

Manuel Pardo salientou que “o anaco de natureza do que lles veño a falar é unha obra mestra en constante evolución, onde a historia vai da man da paisaxe. Por iso, aquí sempre é imprescindible facer referencia ao gran espazo natural situado neste territorio: o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés”

O representante do Goberno galego manifestou que dende a Xunta de Galicia mantemos a colaboración coas entidades xestoras dos Xeodestinos na creación de produtos e paquetes turísticos co obxectivo de impulsar a recuperación do sector no ámbito local e o fomento do turismo rural

O delegado territorial felicitou expresamente ao INORDE por levar a cabo acciones de márketing que incrementan a notoriedade do destino como a publicación do monográfico de revista ‘Turismo Rural’, que hoxe se presentou

Ourense, 21 de xaneiro de 2026

“A paisaxe como recurso inigualable e único; a paisaxe como integrante da calidade de vida dos pobos e da súas xentes. O seu coñecemento é unha necesidade da nosa sociedade para conseguir un desenvolvemento sostible”. Comezaba así a súa intervención o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, na presentación do ‘Monográfico Turismo Rural de Terras de Celanova – Serra do Xurés’ esta tarde no stand de Galicia en Fitur.

“O anaco de natureza do que lles veño a falar é unha obra mestra en constante evolución, onde a historia vai da man da paisaxe -recoñecía  o delegado territorial-  e ambas están sometidas ao capricho da auga. Por iso, aquí sempre é imprescindible facer referencia ao gran espazo natural situado neste territorio: o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés”.

Desde a Xunta, afirmou Manuel Pardo, “apostamos por seguir fomentando iniciativas turísticas que contribúan á diversificación da oferta e á desestacionalización da afluencia de viaxeiros, co obxectivo de seguir avanzando cara a un turismo de calidade e sostible na que a paisaxe é uns dos eixos fundamentais”.

Por iso, “debemos pór en valor con responsabilidade os recursos destas áreas xeográficas onde poidan convivir en equilibrio a exposición e a conservación”; mantivo  o representante do Goberno galego, que explicou que dende a Xunta de Galicia mantemos a colaboración coas entidades xestoras dos Xeodestinos na creación de produtos e paquetes turísticos co obxectivo de impulsar a recuperación do sector no ámbito local e o fomento do turismo rural.

A finalidade da colaboración esixe que este investimento se dirixa á promoción turística, centrándose na creación ou consolidación dun produto turístico, comercialización e promoción, implantación de novas tecnoloxías, formación e elaboración do plan estratéxico ou de actuación.

A colaboración con Xeodestinos a través de convenios de colaboración é parte esencial da política de xestión e desenvolvemento turístico de Galicia a nivel subrexional, favorecendo o desenvolvemento turístico das administracións locais e facendo fincapé en que asume o turismo como actividade económica fundamental.

Ademais, os concellos que integran os Xeodestinos tamén reciben achegas do Turismo de Galicia en atención á conservación, mantemento ou posta en valor dos seus recursos turísticos; subvención para a contratación de persoal nas oficinas de turismo dos concellos turísticos ou Xeodestinos ou axudas a aquelas que teñan declaradas Festas de Interese Turístico.

O delegado territorial felicitou expresamente ao INORDE por levar a cabo accións de márketing que incrementan a notoriedade do destino como a publicación do monográfico da revista ‘Turismo Rural’, que hoxe presentamos, e a posta en marcha de diversas iniciativas como a dixitalización de roteiros de sendeirismo e de BTT, o traballo calado e imperturbable na ampliación do sistema  integral de calidade turística e o posicionamento dixital dos Xeodestinos en redes sociais e axencias de viaxes.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/01/2026