A Xunta licita por 1,8 M€ as obras da nova área de cirurxía maxilofacial do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, que se emprazará no Hospital Meixoeiro
Estará dotada con equipamento de última xeración e contará con 3 consultas, unha sala polivalente, unha sala de espera, unha sala de simulación, un despacho e unha sala cirúrxica
A obra leva aparellada a reestruturación dos tres quirófanos de cirurxía local, co que se mellorará a cobertura de toda a actividade cirúrxica do hospital
As empresas interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o 16 de febreiro para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2026
A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, vén licitar as obras da nova área de cirurxía maxilofacial do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, que se emprazará no Hospital Meixoeiro. O Portal de Contratos Públicos recolle desde hoxe esta licitación por un importe de 1.861.350 euros.
As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 16 de febreiro para presentar as súas ofertas.
Dotación
As obras en licitación consisten na construción dunha nova área de cirurxía maxilofacial neste hospital da rede do Servizo Galego de Saúde, creando tres consultas, unha sala polivalente, unha sala de espera, unha sala de simulación, un despacho e unha sala cirúrxica. Esta obra leva aparellada a reestruturación dos tres quirófanos de cirurxía local, co que se mellorará a cobertura de toda a actividade cirúrxica do hospital.
Está previsto que, de xeito inicial, a unidade atenda persoas pertencentes ás áreas sanitarias de Vigo e de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
A nova unidade de maxilofacial estará dotada con equipamento de última xeración. Para isto, o Servizo Galego de Saúde adquiriu un ortopantomógrafo dixital que permite realizar radiografías panorámicas da boca, cunha imaxe de ambos os dous lados do maxilar, da mandíbula e dos dentes, para identificar os problemas orais dos pacientes en 3D. Ademais, as imaxes poden ser visualizadas desde a plataforma de historia clínica electrónica IANUS de forma inmediata.
Este equipo supón importantes vantaxes, tanto para os pacientes como para os profesionais do Hospital Meixoeiro, dado que emite menor radiación, conta cunha resolución de imaxe de maior calidade que a radiografía analóxica e garante a trazabilidade da información do paciente.