A Unidade de Policía Nacional adscrita de Galicia comisa 23 quilos de percebe e tramita sete actas de infracción por furtivismo na cidade da Coruña

A actuación enmárcase nun operativo de prevención levado a cabo o pasado 19 de xaneiro en colaboración da Confraría de Pescadores da Coruña, que se saldou ademais co comiso de sete rasquetas metálicas empregadas para a extracción ilegal de marisco

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2026

A Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia, en colaboración coa Confraría de Pescadores da Coruña, comisou 23 quilos de percebe diverso material para o furtivismo como sete rasquetas utilizadas para a extracción ilegal de marisco. A actuación enmárcase nun operativo conxunto de prevención do furtivismo levado a cabo o pasado 19 de xaneiro na contorna da Torre de Hércules e do paseo marítimo de Monte Alto, na cidade da Coruña.

No dispositivo participaron efectivos da UPA da Coruña e do Grupo de Investigación do Equipo de Resposta Policial (ERPOL) da Unidade, así como do servizo de vixilancia da confraría. 

Como resultado da actuación, os axentes identificaron sete persoas, inspeccionaron dous vehículos e tramitaron sete actas de sanción por infracción da Lei de Pesca de Galicia. Ademais, todo o marisco incautado foi entregado a un centro benéfico da cidade.

Cómpre sinalar que neste caso empregáronse rasquetas metálicas, unha ferramenta que arrinca de maneira indiscriminada todos os exemplares, sen respectar as tallas mínimas. Este método deixa a rocha completamente espida e provoca un grave prexuízo para a fauna mariña asociada, o que incrementa a gravidade do dano ambiental.

Este operativo enmárcanse no reforzo realizado pola UPA, en colaboración coa Consellería do Mar e coas confrarías de pescadores, no eido da loita contra o furtivismo e na protección dos recursos mariños afectados. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto sen as debidas garantías sanitarias.

Data de actualización: 22/01/2026