Javier Arias subliña en Fitur o crecemento turístico da Mariña cunha proposta “sostible e respectuosa coa identidade local”

O delegado territorial de Lugo destacou o apoio da Xunta para consolidar este destino, que segue a incrementar tanto o número de viaxeiros como a duración das estadías 

Madrid, 21 de xaneiro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou hoxe o crecemento turístico que está a experimentar a Mariña lucense gracias a unha proposta “sostible, consciente, baseada no coidado do contorno e respectuosa coa identidade local”.

O delegado participou no acto de presentación da campaña “A Mariña, unha viaxe á identidade” celebrado no stand da Xunta na Feira Internacional de Turismo (Fitur) de Madrid, e destacou que este destino continúa a súa tendencia progresiva, incrementando tanto o número de viaxeiros como a duración das estadías. En concreto, no último ano recibiron a 184.719 viaxeiros (un 0,8% máis), que sumaron 373.825 pernoitas, un 4,6 % máis respecto ao exercicio anterior.

Arias destacou que o apoio da Xunta está a ser clave para esta expansión, a través de ferramentas como o Plan de Sustentabilidade Turística, ao que achega 1 millón de euros, ou o convenio coa Mancomunidade de Municipios para a xestión do xeodestino, que permite desenvolver iniciativas ao longo de todo o ano para desestacionalizar a oferta. 

Así mesmo, lembrou as oportunidades que se abren neste territorio como referente do “turismo slow” e do turismo de natureza e de benestar, ligado á súa condición de refuxio climático, tendencias cada vez máis demandadas. “O traballo conxunto que desenvolvemos está a dar como resultado un crecemento sostido da demanda e unha presenza cada vez maior en mercados nacionais e internacionais, moi ligada tamén ao Camiño Norte de Santiago, que atrae a peregrinos de toda Europa”, afirmou. 

Neste sentido, o delegado puxo de manifesto o labor transversal que realiza a Xunta para favorecer o desenvolvemento turístico da Mariña, mellorando as infraestruturas, con axudas ao sector de hostalería, aos concellos para impulsar os seus recursos ou a particulares para reducir elementos de impacto paisaxístico; co apoio ás manifestacións culturais e aos grandes festivais da comarca, “e, por suposto, promovendo a  conservación do patrimonio natural e cultural, con actuacións en espazos como a praia das Catedrais e os templos de Mondoñedo ou San Martiño de Foz”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/01/2026