Belén do Campo pon en valor en Fitur a proposta do Xeodestino de Terra de Ordes pola arte urbana con máis de 120 murais que converten o territorio nun museo ao aire libre

A delegada da Xunta recoñeceu o esforzo sostido da Mancomunidade de Ordes, a súa capacidade de traballar unidos e a súa valentía de apostar por un modelo turístico diferente, creativo e sostible

Madrid, 22 de xaneiro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, participou hoxe no espazo de Turismo de Galicia en FITUR 2026 no acto de presentación da proposta “DesOrdes Xeodestino Mural”, onde puxo en valor “un proxecto que é exemplo de traballo compartido, visión a longo prazo e compromiso real co territorio”.

Durante a súa intervención, a representante do Goberno galego acompañou aos representantes da Mancomunidade de Ordes e dos concellos que integran o xeodestino, aos que agradeceu “a capacidade de unir esforzos arredor dun obxectivo común: construír un proxecto turístico propio, coherente coa identidade, coa paisaxe e coa maneira de entender o desenvolvemento local desta comarca”.

A delegada lembrou que a creación de Terras de Ordes como xeodestino, recoñecido dentro da estratexia turística da Xunta de Galicia, “foi froito de moito diálogo, cooperación e vontade política por parte dos concellos”, e salientou que “supuxo un paso decisivo para deixar de traballar de forma illada e comezar a facelo como comarca, cunha voz común”.

“Ese traballo conxunto xa está a dar os seus froitos”, afirmou, destacando que Terras de Ordes é hoxe “un xeodestino que ofrece patrimonio natural e paisaxístico, historia e cultura, gastronomía, tradicións vivas e unha proposta turística baseada na sostibilidade e no respecto polo territorio”.

Neste sentido, subliñou que se trata dun destino “que non compite en masificación, senón en autenticidade, e que aposta por atraer visitantes que queren coñecer Galicia desde dentro, con tempo e con sentido”.

No marco de FITUR 2026, Terras de Ordes presentou o proxecto “DesOrdes Xeodestino Mural”, baseado no uso da arte urbana e do muralismo como ferramenta de promoción turística e de revitalización territorial. A delegada destacou que este proxecto é unha das expresións máis visibles e innovadoras deste proxecto comarcal”.

“Falamos de máis de 120 murais, concentrados principalmente no casco urbano de Ordes, pero que se estenden aos concellos de Oroso, Trazo, Tordoia, Frades, Mesía e Cerceda, abarcando diferentes temáticas, convertendo o territorio nun auténtico museo ao aire libre, integrado na vida cotiá e na paisaxe”, explicou.

A representante da Xunta puxo tamén en valor “a clara aposta pola dixitalización”, coa xeolocalización dos murais e doutros recursos turísticos a través da web terrasdeordes.gal, así como a creación de rutas guiadas, audioguías e materiais interpretativos que “facilitan e enriquecen a experiencia do visitante”.

“Moitas persoas chegan atraídas pola arte urbana, pero acaban descubrindo tamén espazos naturais singulares, patrimonio histórico, festas populares e unha gastronomía con identidade propia”, engadiu.

Finalmente, a delegada quixo recoñecer publicamente “o esforzo sostido da Mancomunidade de Ordes, a capacidade de traballar unidos e a valentía de apostar por un modelo turístico diferente, creativo e sostible”.

“Terras de Ordes demostra que cando hai visión compartida os territorios medran, que o turismo pode ser unha ferramenta de cohesión e que o rural e o interior teñen moito que dicir no mapa turístico de Galicia”, afirmou.

A delegada concluíu sinalando que “FITUR é un escaparate internacional, pero o verdadeiro valor destes proxectos está no traballo diario e na convicción de que o futuro se constrúe desde a identidade propia”, e asegurou que “desde a Xunta de Galicia seguiremos apoiando iniciativas como esta, que representan unha Galicia diversa, creativa e orgullosa do seu territorio”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/01/2026