A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou as instalacións que a empresa Valogreene Recinor está a construír nas Somozas

A Xunta pon en valor a aposta da industria galega pola economía circular con proxectos para xerar materias primas a partir de residuos

Ángeles Vázquez salienta que o proxecto de Valogreene Recinor nas Somozas reducirá os envíos de restos sólidos non perigosos a vertedoiro ou incineración e permitirá obter produtos novos para substituír outros de orixe fósil

A conselleira subliña que este tipo de iniciativas encaixan co modelo de economía circular que o Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia 2023-2030 identifica como prioritarios para a comunidade autónoma

As Somozas (A Coruña), 23 de xaneiro de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe a aposta da industria galega pola economía circular con distintos proxectos que teñen como obxectivo xerar novas materias primas a partir de residuos que antes acababan no vertedoiro.

A responsable autonómica visitou as instalacións que a empresa Valogreene Recinor está a construír nas Somozas e subliñou que a futura planta será un exemplo dese compromiso co aproveitamento de materiais que antes se desbotaban, dándolle así unha segunda vida ao devolvelos ao ciclo produtivo.

A conselleira puxo en valor que a nova fábrica evitará o envío a vertedoiro ou a incineración de arredor de 40.000 toneladas de residuos sólidos non perigosos ao ano. A súa xestión e tratamento permitirá obter entre 10.000 e 12.000 toneladas ao ano de aceite pirolítico (que se usa como materia prima de novos plásticos) e entre 4.000 e 6.000 toneladas dun material rico en carbono denominado char, con aplicación directa no sector siderúrxico, cementeiro e cerámico substituíndo ao coque de petróleo.

A maiores, no desenvolvemento da súa actividade, e de xeito complementario, obterase gas que se empregará para producir enerxía con destino ao autoconsumo da planta, o que a fará enerxeticamente máis eficiente e reducirá aínda máis o residuo final que se envía a vertedoiro ou a incineración. 

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e pola directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, destacou que o proxecto tamén contribuirá á descarbonización da economía e a reducir a pegada de carbono. Nesta liña, explicou que esta iniciativa reducirá de media un 40% as emisións de dióxido de carbono (CO2) en relación coas técnicas tradicionais de eliminación de residuos e producirá materias primas circulares que poden reducir ata un 60% as emisións respecto das de orixe fósil.

A responsable autonómica salientou que este tipo de proxectos encaixan co modelo de economía circular que o Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia (Priga) 2023-2030 identifica como prioritarios para a comunidade pois contribúen a avanzar na redución dos residuos e no seu aproveitamento para producir novas materias primas.

A iniciativa

As obras de construción das instalacións de Valogreene Recinor nas Somozas, cun investimento de máis de 30 millóns de euros e co apoio de fondos europeos, están ao 80% de execución, polo que se prevé a súa finalización ao longo do próximo verán. No eido laboral, a empresa prevé xerar 25 postos de traballo directos na planta, aos que se sumarán outros 40 de xeito indirecto. 

O proxecto é o resultado da alianza entre dúas empresas especializadas na xestión de residuos e na sostibilidade ambiental, a galega Recinor, do Grupo Rilo, e a valenciana Greene Enterprise, que buscan dar saída a materiais que ata agora desbotaban no desenvolvemento das súas actividades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/01/2026