A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou o inmoble acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e do alcalde do municipio, José Ángel Santos

Fabiola García comproba o bo avance das obras do futuro centro integral de autismo de Friol no que a Xunta inviste 4,7 M€ e que estará listo este ano

Destaca que esta nova residencia, que será xestionada por Aspanaes e contará con 48 prazas públicas, permitirá crear novos postos de traballo, favorecendo o asentamento de poboación no rural

A achega do Goberno galego consiste nunha dotación de 4M€ para a construción do centro e outra achega de 700.000€ para o seu equipamento e mobiliario

Friol (Lugo), 24 de xaneiro de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde de Friol, José Ángel Santos, visitou esta mañá as obras do futuro centro de atención integral a persoas con autismo en Friol, ao que a Xunta destina 4,7M€ e que contará con 48 prazas residenciais. Concretamente, a achega do Goberno galego consiste nunha dotación de 4M€ para a construción do centro e outra achega de 700.000€ para o seu equipamento e mobiliario.

Durante o acto, destacou que este recurso pioneiro e de vangarda, que estará listo este ano, situará a Galicia como un referente nesta materia e permitirá a creación de novos postos de traballo, favorecendo o asentamento de poboación no rural.

A conselleira aproveitou a ocasión para agradecer o traballo de Aspanaes, a entidade social que se encargará da xestión do centro, e sinalou que “o fará coa garantía da súa ampla experiencia de máis de 40 anos traballando no benestar das persoas con TEA”. Ademais, agradeceu ao Concello de Friol a cesión dunha parcela situada no centro urbano, co que facilitará a autonomía dos futuros usuarios do centro. Nesta mesma liña, destacou a colaboración entre a Administración autonómica e o tecido asociativo para seguir mellorando a vida das persoas con discapacidade e acadando importantes fitos.

Fabiola García fixo fincapé no compromiso da Xunta para que a nosa comunidade sexa cada día máis aberta, máis plural e inclusiva. Por iso, puxo en valor a construción deste centro que supón un novo avance na atención ás persoas con discapacidade. Así, lembrou que o Executivo galego seguirá traballando da man do tecido asociativo para seguir impulsando recursos que melloren a vida das persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/01/2026