José Ramón Parada participou esta mañá en Vigo nunha xornada na que se abordaron as últimas novidades xurdidas ao redor da fibrose quística
O xerente do Servizo Galego de Saúde destaca a atención integral que o Hospital Público Álvaro Cunqueiro prestará aos pacientes con fibrose quística
O hospital vigués contará cunha consulta multidisciplinar na que profesionais dos ámbitos da pneumoloxía, a endocrinoloxía e o aparello dixestivo atenderán aos pacientes de forma conxunta
Este novo modelo asistencial incrementará a calidade da atención sanitaria e reducirá o número de ocasións nas que os pacientes deben acudir ao centro hospitalario
Vigo, 24 de xaneiro de 2026
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, participou esta mañá no Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo nunha xornada informativa sobre fibrose quística. No acto destacou o novo modelo de atención sanitaria que porá en marcha o hospital vigués e no que profesionais dos ámbitos da pneumoloxía, endocrinoloxía e do aparello dixestivo atenderán aos pacientes de forma conxunta.
O xerente do Sergas referiu que se trata dun novo paradigma na atención dos pacientes con fibrose quística “un modelo que estará centrado nas persoas, que reducirá a frecuentación hospitalaria, co que se mellorará a coordinación clínica e que dará lugar a unha atención máis áxil e resolutiva”.
Durante o acto, organizado pola Asociación Galega de Fibrose Quística, e ao que tamén asistiu o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, profesionais das diferentes especialidades médicas implicadas nesta enfermidade abordaron as últimas novidades.
A fibrose quística é unha enfermidade crónica e hereditaria que afectan principalmente aos sistemas respiratorio e dixestivo. Trátase dunha alteración xenética que impacta nas zonas do corpo que producen secrecións, dando lugar a unha espesura e diminución do contido de auga, sodio e cloro, provocando a obstrución das canles que transportan esas secrecións e producindo infeccións e inflamacións que destrúen partes do pulmón, fígado, páncreas e do sistema reprodutor, principalmente.