A Xunta achega aos escolares de Vigo os oficios tradicionais da elaboración de zocos e da construción de pandeiretas

Os artesáns Xosé Manuel Sanín e Elena Ferro, protagonistas das dúas primeiras unidades didácticas do programa ‘Artesanía na escola’, impulsado polo Goberno galego, realizaron demostracións dos seus oficios no centro CEIP Virxe do Rocío

Ademais, Xosé Manuel Sanín achegouse posteriormente ata o CEIP Seis de Nadal, participante no proxecto dende o curso pasado

‘Artesanía na escola’ é un programa de divulgación impulsado dende 2023 co que se busca presentarlle aos máis pequenos os oficios artesanais, promover a remuda e poñer en valor o feito á man 

A Fundación Artesanía de Galicia xa está a traballar na terceira das unidades didácticas, ‘Eu son artesán de figuras de pan’, que se centrará nos tradicionais sanandresiños de miga de pan a través do artesán Jorge Bellón

Vigo, 27 de xaneiro de 2026

A Xunta continúa no 2026 co proxecto de divulgación dos oficios artesanais nos centros de ensino de toda Galicia, Artesanía na escola, co obxectivo de concienciar os máis pequenos sobre o valor do produto artesanal e da marca Artesanía de Galicia así como de presentarlles os oficios artesanais como unha profesión de futuro. No marco deste programa, o CEIP Virxe do Rocío de Vigo recibiu hoxe as demostracións do artesán Xosé Manuel Sanín e da zoqueira Elena Ferro, protagonistas das dúas primeiras unidades didácticas Eu son artesán de percusión tradicional e Eu son zoqueira, respectivamente. Posteriormente, Sanín achegouse ata o CEIP Seis de Nadal —que xa acollera a demostración de Elena Ferro durante o curso pasado— para falarlle da construción de pandeiretas aos escolares deste centro educativo.

Artesanía na escola é un programa de divulgación impulsado pola Xunta dende o ano 2023 dirixido a achegarlle os oficios artesanais e os valores da artesanía aos nenos e nenas de colexios de toda Galicia. Os obxectivos deste programa son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico; poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos; divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea; transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular; e por último, a longo prazo, promover o relevo xeracional nos oficios artesanais.

Artesanía na escola comezou cunha unidade didáctica dedicada ao oficio dos zoqueiros, a través da figura de Elena Ferro, responsable do taller Eferro (Merza, Vila de Cruces), un obradoiro familiar activo dende o ano 1915 e que veu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019.  Elena Ferro destaca polo seu traballo cun produto característico da tradición rural: os zocos de madeira, que sufriron unha época de crise cando quedaron en desuso e só se empregaban para o traxe tradicional. Esta artesá conseguiu un cambio no valor de uso deste calzado de traballo, outórgalle un novo significado ao produto sen arrebatarlle a súa esencia e reinventouno como complemento de moda con constantes innovacións en deseños, materiais e cores.

Pola súa banda, Xosé Manuel Salvado Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela) é o protagonista da segunda das unidades didácticas de Artesanía na escola. Eu son artesán de percusión tradicional está centrada na historia e elaboración dun dos instrumentos máis tradicionais de Galicia, a pandeireta.

Figuras de pan 

Artesanía na escola consiste na creación de diferentes unidades didácticas monográficas sobre oficios artesanais e nas que se inclúen unha unidade didáctica en papel que se lle envía aos centros participantes e fichas en formato dixital para poder traballar cos alumnos. Cada unidade didáctica fala dun oficio concreto a través da traxectoria dun artesán ou artesá, co obxectivo de facilitarlle ao alumnado a comprensión do tema ou a ampliación de información, e tamén coa intención de que eses profesionais da artesanía poidan visitar algúns dos centros que están a participar no programa.

A Fundación Artesanía de Galicia está a traballar xa coa terceira das unidades didácticas, Eu son artesán de figuras de pan, centrada na elaboración dos tradicionais amuletos de miga de pan típicos de Santo André de Teixido (Cedeira), os sanandresiños, moldeados con fariña e pintados á man a través do artesán Jorge Bellón (Cedeira) e en breve comezarase coas primeiras demostracións en centros de ensino.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/01/2026