Belén do Campo reúnese coa nova directiva da área comercial Obelisco e trasládalles o apoio do Goberno galego ás súas iniciativas
A delegada da Xunta animou a entidade a solicitar as axudas dirixidas a actuacións de dinamización das áreas de interese comercial que contarán con 2,7M€ e se convocarán en próximas datas
A Coruña, 28 de xaneiro de 2026
A delegada da Xunta, Belén do Campo, mantivo unha reunión cos representantes da nova directiva da Área Comercial Obelisco, presidida por Javier Pastoriza. No encontro tamén participaron a xerente da entidade, Rosa Mena, e os vocais, Javier Mosquera e María José González.
Durante a reunión, Belén do Campo trasladoulles o apoio do Goberno galego para levar a cabo as iniciativas e proxectos que impulsen a dinamización comercial da zona, poñendo en valor o papel clave dos centros comerciais abertos na revitalización económica e social das vilas e cidades galegas.
No encontro abordáronse, entre outros asuntos, as axudas recollidas na orde destinada a impulsar as actividades dos centros comerciais abertos da Comunidade, dotada, o ano pasado, con 2,5 millóns de euros. Estas achegas teñen como obxectivo reforzar a excelencia e a capacidade de dinamización das contornas nas que se integran.
Neste sentido, a delegada destacou que a orde contempla o reparto dos fondos en réxime de concorrencia competitiva, co fin de primar a calidade e a excelencia das propostas de dinamización, e lembrou que a Área Comercial Obelisco ven recibindo habitualmente estas achegas, polo que os animou a volver a solicitalas na convocatoria deste ano xa que a orde sairá publicada en próximas datas cun orzamento de 2,7 millóns de euros.
Durante a visita, Belén do Campo puxo tamén en valor o Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030, no marco do cal avanzou que en 2026 se progresará na creación do rexistro e na reconfiguración dos centros comerciais abertos, cunha nova denominación e imaxe propia, concibidas desde unha perspectiva de dinamización integral das contornas comerciais.
Ao abeiro dos orzamentos de 2026, a Xunta consolidará apoios como os destinados á transformación dixital e á modernización do sector comercial e artesanal, cun investimento de 4 millóns de euros, xa convocados; á potenciación das prazas de abastos como Mercados Excelentes, con preto de 2,3 millóns de euros, o prazo de solicitudes abre o vindeiro 2 de febreiro e se prolongará ata o 2 de marzo
A delegada territorial destacou tamén que a Xunta volverá convocar este ano o Bono Comercio, tras o rotundo éxito dos bonos en anos anteriores para incentivar a demanda comercial. Neste sentido, lembrou que nos orzamentos de 2026 se consignarán novamente 5 millóns de euros para consolidar esta acción dinamizadora do comercio local, que desde 2021 permitiu mobilizar máis de 110 millóns de euros en vendas. Concretamente, a última edición pechouse con preto de 215.000 bonos descargados e máis de 11 millóns de euros mobilizados en compras.