O virus respiratorio sincitial continúa a incrementar a positividade e chega xa ao 10,8 %
Na última semana rexistráronse 41 ingresos de persoas maiores de 60, das cales 22 teñen máis de 80 anos
Aumenta a taxa de consultas en atención primaria nos menores de dous anos
A cobertura vacinal en bebés nados en campaña desde setembro é do 93,8 %
Calquera maior de idade pode acudir a vindeira fin de semana ás xornadas extraordinarias de participación no ensaio clínico Sincigal nos 14 hospitais públicos
Tamén de luns a venres, pode acudirse sen cita previa nos puntos habilitados nos hospitais e nos centros de saúde participantes no estudo
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026
O virus respiratorio sincitial (VRS) continúa a aumentar a taxa de positividade e acada o 10,8 % na semana 4 do ano (do 19 ao 25 de xaneiro), fronte ao 9,8 % da semana previa, tal e como recolle o informe semanal de seguimento deste virus que publica a Consellería de Sanidade.
Nesta última semana, obsérvase un incremento na taxa de consultas en atención primaria por bronquiolite en menores de dous anos. En concreto, o incremento foi do 19 % no grupo de nacidos entre abril e setembro de 2025.
En canto a hospitalizacións, rexistráronse tres ingresos na última semana no grupo de nados entre abril e setembro de 2025 e catro hospitalizacións de lactantes menores de dous meses, que están a pasar a súa primeira onda do VRS este inverno.
Nestes grupos, a cobertura da inmunización fronte ao VRS é do 93,8 % no caso dos bebés que son vacinados nos hospitais galegos ao nacer dentro das datas da campaña e do 95 % para os nados fóra de campaña, de abril a setembro de 2025.
Sobre ingresos hospitalarios de nenas e nenos que xa pasaron algunha tempada de VRS, na última semana producíronse 6 ingresos entre os nados do 1 de abril de 2024 ao 31 de marzo de 2025; e outros 6 ingresos no grupo de nados entre o 1 de abril de 2023 ao 31 de marzo de 2024.
En adultos, na segunda semana do ano rexistráronse 41 ingresos con VRS en maiores de 60 anos, dos cales 22 correspóndense a maiores de 80.
Oportunidade de vacinarse para adultos
A vindeira fin de semana os 14 hospitais do Servizo Galego de Saúde volverán estar dispoñibles, de forma extraordinaria, para calquera maior de idade que desexe participar no ensaio clínico Sincigal, que ten como obxectivo avaliar a redución de ingresos hospitalarios na poboación adulta mediante a vacinación fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS).
Todos os hospitais públicos ofrecerán a colaboración no Sincigal sábado e domingo en horario de 10,00 horas a 14,00 horas e de 16,00 horas a 20,00 horas.
Como ata agora, a participación implica a posibilidade de recibir ou non a vacina e posteriormente poder comprobar a súa efectividade na diminución de hospitalizacións en persoas vacinadas e sen vacinar.
Ademais, de luns a venres, calquera persoa maior de 18 anos que desexe participar no estudo tamén pode facelo acudindo sen cita previa nos puntos habilitados nos hospitais, en distintos horarios. Os horarios poden ser consultados na web do ensaio clínico Sincigal:
Do mesmo xeito, tamén están activos os máis de 130 centros de saúde participantes, que figuran na seguinte ligazón:
As persoas interesadas en participar neste estudo teñen á súa disposición o teléfono gratuíto 900 842 217 e a web do proxecto sincigal.com para resolver dúbidas.