O conselleiro de Sanidade abordou, no Pleno do Parlamento, o Plan sanitario de inverno posto en marcha pola Xunta a mediados de novembro
Gómez Caamaño salienta a planificación do Sergas fronte ás infeccións respiratorias do inverno e alerta das consecuencias das folgas de médicos contra o Estatuto Marco do Goberno de España
Subliña que grazas á vixilancia epidemiolóxica e á coordinación da atención primaria e dos hospitais, logrouse atender a demanda asistencial, pese aos picos puntuais
Incide en que, nesta tempada de gripe, o Servizo Galego de Saúde tivo unha capacidade hospitalaria que acadou as 7.007 camas, habilitando 250 máis que durante o inverno anterior
Remarca que os puntos de atención continuada sostiveron unha parte decisiva da demanda sanitaria urxente, o que amosa a resolutividade deste nivel asistencial
Explica que o Sergas “preveu, anticipou, reforzou e coordinou a resposta asistencial” fronte á maior demanda da época invernal, que se viu condicionada polas consecuencias das folgas de médicos contra o Estatuto Marco do Goberno central
Censura que o Ministerio de Sanidade exclúa aos profesionais con maior responsabilidade no sistema das negociacións da reforma do Estatuto Marco
“Temos aos médicos indignados por culpa dun Executivo central e dun Ministerio que non se senta a escoitar e negociar”, subliña
Salienta que a Xunta aprobou a semana pasada novas melloras retributivas para o persoal do Servizo Galego de Saúde que hoxe recolle o Diario Oficial de Galicia
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou hoxe a planificación do Servizo Galego de Saúde fronte ás infeccións respiratorias do inverno e alertou das consecuencias das folgas de médicos contra o Estatuto Marco do Goberno de España.
Na súa intervención no Pazo do Hórreo para abordar o Plan sanitario de inverno posto en marcha pola Xunta a mediados de novembro, o conselleiro detallou que estas medidas se activaron semanas antes de que o Ministerio de Sanidade convocase o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde para abordar a situación, o que reflicte a planificación e anticipación do Goberno galego.
Tamén destacou o conselleiro os bos datos da campaña de vacinación fronte á gripe, iniciada no mes de setembro, que permitiu que máis de 882.000 galegos se vacinasen.
Así mesmo, Gómez Caamaño referiu a importancia da información facilitada pola rede de vixilancia que Sanidade ten establecida coas farmacias sentinela, que achega os datos da venda de medicamentos vinculados á gripe.
Con toda esta planificación, e cos informes de seguimento epidemiolóxico, a Xunta afrontou os picos de demanda asistencial que foron asumidos polos servizos de urxencias hospitalarias e de atención primaria de xeito coordinado.
Incidiu en que o Servizo Galego de Saúde “preveu, anticipou, reforzou e coordinou a resposta asistencial” fronte á maior demanda da época invernal, que este ano se veu condicionada e afectada polas consecuencias das folgas de médicos contra o Estatuto Marco do Goberno central.
Atención de urxencias coordinada
Gómez Caamaño referiu que os hospitais estiveron preparados para aplicar medidas organizativas en función da presión asistencial, habilitando recursos cando foi preciso. Ao respecto, o conselleiro sinalou que, nesta tempada de gripe, o Servizo Galego de Saúde tivo unha capacidade hospitalaria que acadou as 7.007 camas, habilitando 250 máis que durante o inverno anterior.
No seu conxunto, os hospitais públicos galegos atenderon 150.961 urxencias, as mesmas atencións que o pasado ano e menos que os anos previos, polo que Gómez Caamaño puxo en valor o plan de continxencia establecido que inclúe o reforzo de urxencias, así como dos recursos e dos espazos extraordinarios cando resulta preciso.
Así mesmo, os datos amosan que os puntos de atención continuada e a atención primaria sostiveron unha parte decisiva da demanda sanitaria urxente, o que demostra a resolutividade deste nivel asistencial.
Como exemplos, Gómez Caamaño explicou que na área sanitaria de Vigo, entre o 23 de decembro e o 6 de xaneiro, os nove PAC atenderon 14.597 urxencias, cunha capacidade de resolución do 90 %; na área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, os 18 PAC atenderon 11.560 urxencias, o que supón case 800 asistenciais ao día fóra dos hospitais; e na área sanitaria da Coruña e Cee, os PAC atenderon 13.596 urxencias no Nadal, cunha derivación ao hospital por baixo do 7 %.
Todo isto reflicte que a sanidade pública galega é capaz de facer fronte ao incremento da demanda asistencial e dar unha resposta axeitada e coordinada entre atención primaria e hospitalaria.
Médicos indignados por culpa dun Executivo central que non se senta a escoitar
O conselleiro de Sanidade incidiu en que, como consecuencia das protestas contra o Estatuto Marco que promove o Ministerio de Sanidade, as comunidades autónomas están a verse inmersas nunha espiral de folgas que obrigan a pospoñer ducias de miles de atencións a pacientes entre cirurxías, probas diagnósticas e consultas; en concreto, na sanidade pública galega, máis de 80.000 actos asistenciais só entre os meses de decembro e xaneiro.
Gómez Caamaño censurou a falta de negociación do Ministerio de Sanidade na reforma do Estatuto Marco, excluíndo aos profesionais con maior responsabilidade no sistema desas negociacións.
“Temos aos médicos indignados por culpa dun Executivo central e dun Ministerio que non se senta a escoitar e negociar”, subliñou.
Fronte á actitude do Goberno central, Gómez Caamaño lembrou que a Xunta aprobou a semana pasada novas melloras retributivas para o persoal do Servizo Galego de Saúde, que benefician fundamentalmente ao persoal dos PAC, medidas con efectos desde o 1 de xaneiro e que hoxe recolle o Diario Oficial de Galicia.
O titular de Sanidade rematou a súa intervención remarcando a planificación da Xunta para atender a demanda asistencial propia do inverno e incidiu nos reforzos postos en marcha, así como no traballo e a implicación dos profesionais do Servizo Galego de Saúde.