Gómez Caamaño destaca o labor dos profesionais implicados na elaboración dos 3.750 menús que saen cada día da cociña do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña
O conselleiro detalla que as dietas se elaboran en función das indicacións clínicas específicas de cada paciente, por parte de profesionais titulados e cualificados, supervisando os menús elaborados en coordinación co resto do equipo asistencial
Subliña a aposta da Xunta por esta materia, coa creación das categorías estatutarias de técnico superior en dietética e nutrición no ano 2020 e de nutricionista en 2023
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe no Parlamento de Galicia o labor do conxunto de profesionais implicados na elaboración dos 3.750 menús que saen cada día da cociña do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, acadando un total de 1.368.501 servizos anuais.
Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o titular de Sanidade detallou que o servizo de cociña do CHUAC está integrado por 26 cociñeiros e 190 pinches, que elaboran con seguridade e coordinación os menús dos pacientes ingresados. Así, engadiu que as dietas se elaboran en función das indicacións clínicas específicas de cada paciente, por parte de profesionais titulados e cualificados, supervisando os menús elaborados en coordinación co resto do equipo asistencial.
O sistema de xestión de dietas -proseguiu o conselleiro- está deseñado para que os cambios nas indicacións se realicen desde as unidades de hospitalización polo persoal de enfermería, segundo a prescrición e a evolución clínica. Así mesmo, o titular de Sanidade manifestou que o acceso á historia clínica dos pacientes corresponde ao supervisor de dietética, que é un profesional de enfermería.
Ademais, -explicou Gómez Caamaño- o persoal de cociña traballa con listados e códigos operativos que permiten elaborar e repartir as dietas indicadas, garantindo tempos, seguridade e calidade.
Polo que respecta ao cadro de técnicos en dietética no Hospital Universitario da Coruña está cuberto, e realizan as funcións propias da súa categoría, supervisando os menús.
Gómez Caamaño manifestou que no hospital da cidade herculina, e en todos os hospitais do Servizo Galego de Saúde, existen procedementos e controis que garanten a seguridade e o cumprimento das normativas hixiénico-sanitarias nos menús que se serven.
O conselleiro referiu que a Xunta seguirá a garantir a calidade, a seguridade e un trato digno aos pacientes, tamén na alimentación hospitalaria, e continuará a apoiar e recoñecer o traballo dos profesionais que fan posible que cada dieta chegue ao paciente como debe.
Na súa intervención no Parlamento, o conselleiro incidiu en que, foi o Goberno galego o que fixo unha aposta incuestionable por incorporar as funcións de dietética e nutrición á sanidade pública, creando a categoría estatutaria de técnico superior en dietética no Sergas no ano 2020.
Engadido ao anterior, a Xunta creou a categoría estatutaria de nutricionista no ano 2023 e no 2025 convocou as primeiras prazas estables con estas funcións no Sergas.