A Xunta aposta por unha ciberseguridade ao servizo das características e necesidades de Galicia
O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participou hoxe na apertura do VII Foro Rexional do ISMS Forum
Puxo como exemplo desta adaptación o proxecto piloto de ciberseguridade de vehículo autónomo en Vigo no marco do programa RETECH, no que a Xunta participa con Cataluña, a Comunidade Valenciana e o INCIBE
Galicia dispón de 14 másteres en ciberseguridade para Formación Profesional e organiza campañas de concienciación e actividades educativas
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2026
A Xunta aposta pola especialización tecnolóxica que permita o desenvolvemento dunha ciberseguridade adaptada ás características e necesidades de Galicia, en liña coa Estratexia Galicia Dixital 2030, segundo asegurou hoxe o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey.
Rey participou esta mañá en Vigo na apertura do VII Foro Rexional que organiza a Asociación Española para o Fomento da Seguridade da Información, ISMS Forum. Ao longo da mañá, máis de vinte expertos en ciberseguridade abordaron aspectos como a regulación da intelixencia artificial, as automatizacións ou o fraude dixital.
O director da Axencia autonómica puxo como exemplo desa adaptación da ciberseguridade ás necesidades da sociedade e os sectores produtivos de Galicia o proxecto piloto que desenvolven o Centro Tecnolóxico de Automoción CTAG e a Universidade de Vigo, que permite experimentar de maneira práctica coa seguridade no transporte intelixente. Esta iniciativa está enmarcada no programa das Redes de Especialización Tecnolóxica (RETECH), no que a Xunta participa xunto con Cataluña e a Comunidade Valenciana, financiado con fondos Next Generation da UE, a través de INCIBE. Rey lembrou que a automoción representa o 15% do PIB de Galicia.
A Xunta, dixo Damián Rey, promove a colaboración para avanzar na protección fronte as ciberameazas, e destacou que Galicia conta co Nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal, no que participan, xunto coa Amtega, entidades chave como INCIBE, o Centro Criptolóxico Nacional, as deputacións provinciais, a FEGAMP e máis de sesenta organizacións do ámbito empresarial, tecnolóxico, investigador e educativo.
Por último, o director da Amtega enumerou algunhas das iniciativas que ten en marcha a Xunta para a concienciación, o intercambio de coñecementos ou a formación. Entre elas atópanse o encontro CIBER.gal que se organiza anualmente na Cidade da Cultura; os 14 másteres en ciberseguridade cos que conta o sistema educativo galego; os 249 obradoiros desenvolvidos o pasado curso, nos que participaron máis de 6.500 estudantes; ou campañas como os Consellos de CiberEsther, xunto coa TVG, que conta con millóns de visualizacións.