A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, explicou no Parlamento as iniciativas máis destacadas da Estratexia de dixitalización do Servizo Galego de Saúde
A Xunta incorporará neste 2026 algoritmos de intelixencia artificial para apoiar a análise de preto de 1,8 millóns de imaxes clínicas
A previsión é que de xeito anual se poidan analizar 1,5 millóns de radiografías de tórax, 150.000 imaxes de cribados citolóxicos, 100.000 imaxes oftalmolóxicas e 40.000 imaxes anatomopatolóxicas para a detección de cancro de mama e próstata
A día de hoxe procesáronse xa máis de 1 millón de imaxes médicas de tórax e muscoesqueléticas mediante intelixencia artificial no Servizo Galego de Saúde
A Consellería de Sanidade tamén desenvolverá un algoritmo para a detección da diabetes nas súas diferentes fases
A implantación total da historia clínica electrónica IANUS 5 e a dixitalización do 100 % dos quirófanos e do servizos de Anatomía Patolóxica son outras das iniciativas nas que avanzará o Executivo galego en 2026
O número de citas de atención primaria xestionadas a través de canles dixitais incrementouse de 2.301.637 en 2021 ata as 9.394.907 en 2025
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2026
A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, anunciou esta mañá no Parlamento de Galicia que o Servizo Galego de Saúde incorporará este ano algoritmos de intelixencia artificial para apoiar a análise que realizan os profesionais de preto de 1,8 millón de imaxes clínicas.
O departamento sanitario da Xunta ten previsto analizar 1,5 millóns de radiografías de tórax, 150.000 imaxes de cribados citolóxicos, 100.000 imaxes oftalmolóxicas e preto de 40.000 imaxes destinadas á detección dos cancros de mama e de próstata.
A día de hoxe procesáronse xa 1.000.000 de imaxes médicas mediante intelixencia artificial nos ámbitos de urxencias e de atención primaria (tórax e musculoesqueléticas) no Servizo Galego de Saúde.
No marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, a secretaria xeral técnica explicou algunhas das iniciativas que o Executivo galego desenvolverá no presente ano dentro da Estratexia de dixitalización do Servizo Galego de Saúde.
Segundo apuntou Lobato, a Consellería de Sanidade traballa no obxectivo de acadar unha sanidade máis conectada e accesible para o paciente, mellorando a capacidade dos cidadáns para relacionarse dixitalmente coa Administración e tamén co ánimo de axilizar e optimizar os seus procesos asistenciais.
Entre os proxectos nos que a sanidade galega avanzará en 2026, a secretaria xeral técnica salientou a consolidación e implantación total da historia clínica electrónica IANUS 5, un sistema que, a finais do presente ano, será accesible para o 100 % dos profesionais do Servizo Galego de Saúde e dos centros sociosanitarios da comunidade.
Do mesmo xeito, e na procura de mellorar as capacidades na detección e prevención de enfermidades, o Executivo galego tamén desenvolverá en 2026 un algoritmo para a detección da diabetes nas súas diferentes fases, posibilitando o rexistro e a clasificación de máis de 15.000 pacientes que padezan esta patoloxía.
Xunto co anterior, o Servizo Galego de Saúde ten previsto completar no presente ano a dixitalización do 100 % dos quirófanos dos hospitais públicos galegos, así como a dos seus servizos de Anatomía Patolóxica. Neste caso, o obxectivo é dixitalizar a totalidade das biopsias e das autopsias que se realicen nos centros sanitarios galegos, o que dará lugar a 1,4 millóns de cristais dixitalizados ao ano.
A Estratexia de dixitalización do Servizo Galego de Saúde tamén porá o foco no paciente. Así, habilitará un asistente virtual con intelixencia artificial xenerativa capaz de responder dúbidas na aplicación Sergas Móbil e tamén desenvolverá un sistema de acompañamento en tempo real para que se poida seguir o fluxo asistencial en urxencias e hospitalización.
A dixitalización da sanidade publica galega en cifras
Na actualidade, a dixitalización e a conectividade do sistema sanitario público galego destaca a nivel nacional e europeo ao contar con importantes ferramentas dixitais como a historia clínica electrónica IANUS 5, a aplicación Sergas Móbil ou a Plataforma de Teleasistencia Domiciliaria (TELEA).
Durante os últimos anos, o uso dos sistemas de información e das novas tecnoloxía estase a incrementar dun xeito exponencial. Así, un total de 26.000 profesionais do Servizo Galego de Saúde acceden de xeito diario á historia clínica electrónica. Esta cifra deriva en que anualmente se rexistren preto de 60 millóns de accesos, 58 millóns de anotacións clínicas e se rexistren preto de 80 millóns de receitas.
Pola súa banda, o emprego da aplicación Sergas Móbil tamén está a consolidarse desde a súa posta en marcha. Nesta liña, o número de usuarios que accederon á aplicación nalgún momento pasou de 1.636.834 no ano 2021, aos 2.338.181 durante 2025. Así mesmo, o número total de usuarios rexistrados en E-saúde pasou de 960.894 en 2021 a 1.478.800 en 2025.
Cómpre destacar que o número de citas de atención primaria xestionadas a través de canles dixitais ascendeu de 2.301.637 en 2021 a 9.394.907 en 2025, pasando do 13 % ao 28 %.
Por último, a evolución da Plataforma de Teleasistencia Dociciliaria TELEA tamén está a experimentar un incremento notable, ao pasar dos 3.405 procesos en teleseguemento en 2021 a 22.001 en 2025; e ao ampliar o número de biomedidas rexistradas de 221.633 en 2021 a 138.630.086 en 2025.