A Xunta eleva mañá a vermella a alerta por temporal costeiro no litoral da Coruña e de Pontevedra
Mantense a alerta laranxa na Mariña de Lugo
Suspéndese a actividade deportiva no mar, tanto federada como do programa Xogade, nos concellos afectados
Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación, entre outros, aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2026
A Xunta eleva mañá a vermella a alerta activada por temporal costeiro no litoral da Coruña e de Pontevedra e mantén a alerta laranxa na Mariña de Lugo. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel vermello afectará á costa noroeste e oeste da Coruña desde primeiras horas da tarde de mañá, estendéndose a media tarde ao litoral suroeste coruñés e de Pontevedra. Agárdase mar combinada con ondas de ata nove metros e vento do oeste de ata forza nove.
Debido ás alertas, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou a suspensión da actividade deportiva no mar, tanto federada como do programa Xogade, nos concellos afectados segundo as previsións dos órganos preditores, e que se poden consultar na web Deporte Galego.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.