O titular de Sanidade participou en Santander no Foro SEDISA Norte, no que se abordaron os retos de sostibilidade do sistema sanitario e os obxectivos da Axenda 2030
Gómez Caamaño destaca o liderado de Galicia na aposta pola sostibilidade dos sistemas sanitarios impulsando infraestruturas, materiais e procesos máis verdes
Salienta que Galicia anticipou en catro anos o obxectivo de reducir o 60 % as emisións de contaminantes
Subliña a relevancia da Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde e a Guía de Compra Verde que a Xunta aplica nas súas contratacións públicas
Lamenta a falta de diálogo do Goberno español sobre o Estatuto Marco e reivindica a necesidade dun maior financiamento e cohesión estatal
Santander, 29 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta tarde en Santander no ‘Foro SEDISA Norte’, un encontro onde reivindicou a posición de referencia que ostenta o sistema sanitario público galego nos eidos da sostibilidade e da resiliencia climática.
Durante a súa intervención, o responsable da carteira sanitaria da Xunta subliñou que o futuro dos sistemas sanitarios "será sostible ou, simplemente, non será", ao tempo que apuntou algunha das medidas postas en marcha polo Servizo Galego de Saúde para acadar unha sanidade máis respectuosa co medio.
Nesta liña, Gómez Caamaño puxo o foco nos logros acadados pola Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde, unha folla de ruta coa que o Executivo galego xa está a minimizar o impacto ambiental das súas infraestruturas, materiais e procedementos sanitarios.
Segundo apuntou, a sanidade pública galega xa acadou o obxectivo de reducir un 60 % as emisións contaminantes, un logro co que se anticipa en 4 anos á meta que estaba fixada para o 2030.
Na mesma liña, lembrou que a Xunta aplica unha Guía de compra verde nas súas contratacións públicas, incorporando criterios de selección ambientais, ademais de apostar por produtos máis sostibles e cadeas de subministro responsables.
Reivindicación de financiamento e cohesión estatal
Durante a celebración deste IV Foro SEDISA Norte, no que tamén participan os conselleiros e responsables sanitarios do Principado de Asturias, Cantabria e País Vasco, Gómez Caamaño remarcou que tamén é preciso abordar a sostibilidade económica do sistema sanitario, incidindo en que a Administración Xeral do Estado debe incrementar a sanidade e garantir a cohesión e equidade.
Por último, o conselleiro de Sanidade introduciu o concepto de "sostibilidade emocional", precisando que o persoal sanitario representa o factor máis determinante para o futuro do sistema.
Neste sentido, lamentou o clima de conflitividade derivado da reforma do Estatuto Marco que está a impulsar o Goberno de España. Insistiu en que "o diálogo é obrigatorio" pois “a sanidade debe situarse sempre por encima de ideoloxías e siglas políticas”.