O conselleiro de Sanidade interveu na sesión solemne da apertura do Curso Académico 2026 da Academia de Enfermería de Galicia

Gómez Caamaño avoga por potenciar a especialización, a docencia e a investigación da enfermería de forma acorde ao seu peso no sistema sanitario

O titular de Sanidade pon en valor o papel insubstituíble da enfermería dentro do sistema, un colectivo que está presente nos momentos máis difíciles dos pacientes e que xoga un papel decisivo no proceso de humanización

A Xunta mantén desde 2014 un incremento sostido do número de profesionais en atención primaria, reforzado a través das sucesivas ofertas de emprego público

O compromiso do Goberno galego con este colectivo tamén se reflicte na posta en marcha unha oferta pública de emprego na que figuran 1.271 prazas de enfermería

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avogou hoxe por potenciar a especialización, a docencia e a investigación da enfermería de forma acorde ao seu peso no sistema sanitario.

O titular da carteira sanitaria da Xunta interveu na sesión solemne da apertura do Curso Académico 2026 da Academia de Enfermería de Galicia.

Neste acto, o máximo responsable do Servizo Galego de Saúde puxo en valor o papel insubstituíble da enfermería dentro do sistema, un colectivo que está presente nos momentos máis difíciles dos pacientes e que xoga un papel decisivo no proceso de humanización da sanidade.

No pasado ano, Galicia foi pioneira no Sistema Nacional de Saúde ao impulsar un diploma de acreditación na área funcional de coidados paliativos, o que supón un  paso adiante a prol da formación continua e especializada.

Gómez Caamaño agradeceu a implicación de todos os profesionais da saúde, no contexto actual marcado pola escaseza de profesionais sanitarios.

Incremento de profesionais

A Xunta mantén desde 2014 un incremento sostido do número de profesionais en atención primaria, reforzado a través das sucesivas ofertas de emprego público, o que se reflicte nos orzamentos autonómicos deste ano, onde o capítulo de persoal concentra a maior contía do gasto sanitario, destinado á creación de novas prazas e á consolidación das políticas de estabilización.

O Sergas ten en marcha unha oferta pública de emprego na que figuran 1.271 prazas de enfermería en distintas categorías.

O compromiso do Goberno galego co colectivo de enfermería tamén se reflicte noutras medidas, como a extensión a todo o persoal estatutario o mesmo réxime de consolidación do grao de persoal, incluíndo así ao persoal enfermeiro.

A Xunta tamén impulsou a modificación da Lei de Saúde de Galicia para protexer a todo o persoal sanitario das agresións co obxectivo de coidar aos profesionais, sabendo que o colectivo de enfermería é un dos que máis padecen directamente este tipo de situacións no seu labor diario.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro agradeceu á Academia de Enfermería de Galicia o seu traballo na contribución ao coñecemento e dignificación do colectivo ao que representa, así como ao conxunto da sanidade galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2026