A Xunta activa para mañá a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña e de Pontevedra
Suspéndese a actividade deportiva no mar, tanto do programa Xogade como federada, nos concellos afectados
Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación, entre outros, aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos
Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2026
A Xunta activa para mañá a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña e de Pontevedra. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde primeiras horas da mañá. Agárdase mar combinada do oeste con ondas de ata seis metros e vento do oeste ou suroeste de ata forza oito.
Debido á alerta, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou a suspensión de actividade deportiva no mar, tanto do programa Xogade como federada, nos concellos afectados segundo as previsións dos órganos preditores.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.