O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes reuniuse con representantes da Fegamp para presentarlle o anteproxecto da norma sometida desde onte a información pública
A nova Lei de Administración Local de Galicia impulsada pola Xunta busca reforzar a suficiencia financeira dos concellos e abordar retos actuais e futuros
Aposta por un novo sistema de participación nos tributos autonómicos, coa incorporación de criterios como a dispersión xeográfica e o envellecemento da poboación ante a inacción do Goberno central na materia
Establece un tratamento específico para os concellos en situación de reto demográfico, atendendo a realidade galega, e reforza o papel das deputacións provinciais como garantes da autonomía local
Trátase dunha reforma integral da norma que converterá Galicia en referente estatal tras os importantes cambios normativos, tecnolóxicos e sociais das últimas décadas
Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, reuniuse co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, e con representantes da entidade para presentarlles o anteproxecto de Lei de Administración Local de Galicia, que iniciou onte o trámite de audiencia e información pública. No encontro abordáronse as novidades da lei e incidiuse na importancia de reforzar a suficiencia financeira dos concellos, un dos principais obxectivos da Xunta a través desta norma.
Así, segundo destacou o conselleiro, un dos aspectos innovadores é o establecemento dun novo sistema de participación nos tributos autonómicos, coa incorporación de criterios como a dispersión xeográfica e o envellecemento da poboación. Trátase de cuestións que Galicia leva anos demandando ao Estado como competente na materia e que, ante a inacción do Goberno central, a Xunta decidiu incluír, no marco das súas competencias. Diego Calvo sinalou que, ademais, a norma implanta mecanismos como o incremento dos fondos incondicionados, que os concellos poden destinar ás necesidades que decidan, e o aumento da garantía de mínimos en 20 millóns de euros respecto do modelo actual, de xeito que ningún concello percibirá por debaixo da contía establecida.
Outras das novidades son que a participación dos concellos nos tributos medrará como mínimo na mesma porcentaxe en que medren os ingresos da comunidade e que se garantirá un reparto dos recursos máis equitativo, con variables obxectivas que teñan en conta as peculiaridades do territorio galego, como o reto demográfico, cun tratamento específico para os concellos que estean nesa situación. Deste xeito quérese dar resposta a demandas históricas do municipalismo en Galicia, así como a necesidades que non están a ser atendidas polo Goberno central.
No marco deste obxectivo, o conselleiro apuntou que a norma definirá os municipios que se atopan en risco de despoboamento e recollerá medidas para impulsar a súa capacidade na prestación de servizos á veciñanza. Trátase dunha medida adaptada á realidade demográfica galega, tendo en conta que o 90% dos concellos teñen menos de 15.000 habitantes.
Reforzo do papel das deputacións
Por outra banda, como novidade, a futura lei de Administración Local de Galicia reforza o papel das deputacións provinciais, concretando as funcións destas entidades como garantes da autonomía local. Nesta liña, apóstase por unha maior asistencia aos concellos máis pequenos ou con máis dificultades na prestación dos servizos municipais. Unifícase tamén a actuación das catro deputacións para evitar diferenzas entre concellos, en función da deputación á que pertenzan.
Co texto presentado hoxe o Goberno galego quere levar a cabo unha reforma integral da norma tras case 30 anos de vixencia, co obxectivo de adaptala á realidade actual do eido local tras os importantes cambios normativos, tecnolóxicos e sociais das últimas décadas.
Trátase dunha lei pioneira que converterá Galicia en referente estatal ao darlle resposta á realidade demográfica galega actual e dotar as entidades locais dun novo marco normativo autonómico axustado ás súas necesidades e ás da súa veciñanza.
Entre outros obxectivos búscase modernizar o marco local, simplificar a burocracia ou introducir as tendencias e vangardas normativas relacionadas coa administración dixital e a interoperabilidade, a transparencia e o Goberno aberto, a planificación e a avaliación de políticas públicas e a cooperación multinivel efectiva.