A Xunta destina 1,5 M€ á orde de axudas para colaborar no financiamento dos gastos das entidades locais na contratación de socorristas no verán
A orde sufragará os gastos da contratación de persoal para o servizo de vixilancia, rescate e salvamento en espazos acuáticos naturais e instalacións acuáticas municipais
Abarca os custos tanto do persoal propio do concello destinado a estes servizos como as persoas en situación de desemprego que o municipio contrate a través dunha empresa externa mediante un contrato de servizos
Serán subvencionables os gastos salariais correspondentes ao período do 1 de xuño ata o 30 de setembro deste 2026
Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de axudas coa que a Xunta financiará, cun orzamento de 1,5 millóns de euros, os gastos que realicen as entidades locais para a prestación dos servizos de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais inscritos no Rexistro de Augas de Baño de Galicia e/ou instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal.
O prazo de presentación de solicitudes para as entidades locais abre mañá e durante un mes e deberán realizarse de forma obrigatoria a través da sede electrónica da Xunta.
A orde considera subvencionables os custos salariais da entidade local entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de 2026 relativos ao persoal dedicado a estes servizos. Abarca tanto o persoal propio da entidade local como ás persoas que o concello contrate para estas tarefas a través dunha empresa externa mediante un contrato de servizos que, neste segundo suposto, deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupadas. En ambos casos, as persoas destinadas á prestación dos servizos de vixilancia, rescate e salvamento deberán estar inscritas, antes do período subvencionable, no Rexistro Profesional do Persoal de Socorrismo, Información e Primeiros Auxilios de Galicia. Actualmente constan inscritos neste rexistro máis de 4.800 profesionais.
Na concesión das axudas terase en conta criterios como o número de zonas de baño inscritas no Rexistro de Augas de Baño de Galicia, a adhesión ao Plan específico de salvamento en praias de Galicia (Sapraga) en 2025, a poboación total da entidade local segundo o padrón municipal publicado no Instituto Galego de Estatística (IGE), o número de bandeiras azuis concedidas ás praias da entidade local en 2025 ou contar con declaración de municipio turístico galego.
Así, pese a que a vixilancia de praias e lugares públicos de baño e o seu mantemento compete aos concellos, o Goberno galego contribúe a fomentar a prestación do servizo de socorrismo por parte dos municipios nas épocas de maior concorrencia, como é a tempada estival. Ademais de fomentar a contratación destes profesionais a través destas axudas, tamén regula a formación que deben reunir.