O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presenta a oferta de emprego público do seu departamento en 2026

A Xunta convocará este ano 1.601 prazas en 42 especialidades nunhas oposicións de máximos no ensino

Refórzanse áreas clave como a atención á diversidade, cun 46% máis de prazas, e o ensino de linguas estranxeiras, así como as especialidades con listaxes de substitución case esgotadas

Case o 87% das prazas, un total de 1.388, son para o ingreso libre, mentres que as 213 restantes son de promoción interna

Por cada 100 xubilacións hai 120 prazas novas, o que vai permitir seguir mellorando as ratios nas aulas, nun escenario de caída demográfica

A proposta analizarase coas organizacións sindicais na mesa sectorial o vindeiro 10 de febreiro

Os interinos non terán a obriga de presentarse ao proceso, segundo foi acordado cos sindicatos

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe a oferta de emprego público do seu departamento para este 2026. “Serán en total 1.601 prazas en 42 especialidades, cunha distribución que reforza a atención á diversidade e o ensino de linguas estranxeiras”, destacou o conselleiro, poñendo en valor que este novo proceso de oposicións “vai permitir seguir mellorando a estabilidade e as condicións laborais do profesorado galego, así como as ratios da nosa Comunidade”, dado que se mantén a intensidade das oposicións malia á caída demográfica e consecuente redución de alumnos.

Neste sentido, recordou que, un ano máis, a Consellería convoca o máximo de prazas posibles por lei, “esgotando o 120% da taxa de reposición, como xa fixemos o ano pasado”. “Estas oposicións elevan a 21.698 as prazas convocadas desde 2009 pola Xunta no eido educativo, o que supón tanto unha importante estabilización de interinos como unha gran renovación do corpo docente”, afirmou o conselleiro. A este respecto, lembrou que, froito dos dous últimos procesos celebrados, xa se incorporaron como novos funcionarios os primeiros docentes nacidos no século XXI.

“O novo proceso de oposicións vai permitir seguir rebaixando a porcentaxe de interinidade nos corpos docentes, que é xa a mellor de toda España, moi por debaixo da media estatal”, incidiu o conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez.

Román Rodríguez destacou que a meirande parte das prazas, 1.388, son para ingreso en tres corpos e 42 especialidades, o que supón o 86,7% das prazas. As 213 restantes serán para a promoción interna, para pasar de mestre a profesor de ensino secundario, en 29 especialidades diferentes.

A proposta de distribución de prazas por especialidades analizarase coas organizacións sindicais o vindeiro 10 de febreiro na mesa sectorial, á que a Consellería levará tanto o decreto de oferta pública de emprego como a orde de convocatoria das probas. Con este fin, a documentación correspondente foi remitida hoxe ás mesmas.

Os exames celebraranse, como é habitual, no mes de xuño e xullo, unha vez remate o curso, co fin de que os novos docentes estean incorporados aos centros o 1 de setembro. Como novidade este ano, os interinos non teñen a obriga de presentarse ao exame, tal e como se acordou cos sindicatos CCOO, Anpe, UGT e CSIF, co obxectivo de axilizar o proceso, o que tamén se levará á mesa sectorial.

Reforzo en áreas clave

Por corpos, no de mestre convócanse 476 prazas en oito especialidades, e no de profesores de ensino secundario, 852 en 29 especialidades. Pola súa banda, haberá 60 prazas en cinco especialidades no corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP. En canto á promoción interna, haberá 213 prazas en 29 especialidades.

Román Rodríguez destacou o reforzo da convocatoria de prazas en áreas clave, como a atención á diversidade, cun total de 136 prazas para mestres especialistas en Audición e Linguaxe e en Pedagoxía Terapéutica: “Isto supón un 46% máis ca nas oposicións de 2025”.

Tamén se fai fincapé no reforzo da aprendizaxe das linguas estranxeiras, cun total de 229 prazas en inglés (entre mestres, Secundaria e promoción interna), 45 máis ca en 2025; así como en francés, cun total de 54 prazas entre mestres, secundaria e promoción interna, fronte as 32 do ano pasado.

Ademais, refórzanse algunhas especialidades nas que se estaba esgotando as listaxes de substitucións, como é Latín en Secundaria, con 35 prazas entre novo ingreso e promoción interna, ou Soldadura no corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP, con 14 prazas.

As cinco áreas nas que se convocan máis prazas son as reflectidas na seguinte táboa:

Especialidade/área

Prazas 2026

Prazas 2025

Diferenza

Inglés (mestres+Secundaria+promoción interna)

229

184

+45 (+24%)

Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe (mestres)

136

93

+43 (+46%)

Educación Primaria (mestres)

125

122

+3

Lingua e literatura galega (Secundaria+promoción interna)

98

97

+1

Educación Infantil (mestres)

80

79

+1

A distribución por especialidades é a reflectida no dossier anexo.

Aposta polo profesorado

O conselleiro enmarcou esta oferta de emprego público de máximos nun escenario de caída demográfica e, polo tanto, de menor número de alumnos. “Só este curso temos 4.255 alumnos menos ca no 2024/25 e case 20.000 menos que hai unha década nas diversas etapas desde Infantil ata Bacharelato”, incidiu, lembrando que, aínda así, “este curso temos máis docentes que nunca”. Grazas a estas oposicións, Galicia poderá seguir mellorando as súas ratios.

Isto é posible, segundo indicou Román Rodríguez, grazas á aposta que está a facer a Xunta polo profesorado como piar fundamental da calidade do sistema educativo que se está a materializar principalmente a través do acordo de mellora do ensino asinado coas organizacións sindicais CCOO, Anpe, UGT e CSIF.

O acordo está a supoñer unha mellora na organización da súa actividade (horarios, ratios, redución da burocracia, conciliación...), pero tamén a nivel salarial, cun incremento anual das retribucións docentes vencelladas a cuestións como a formación ou o desempeño de funcións de responsabilidade. “Non en balde, desde que se empezou a aplicar o acordo a Xunta incrementou en 160 M€ o orzamento destinado a persoal”, incidiu o conselleiro.

A maiores, continúa intensificándose a formación do profesorado e vanse ofrecer novos servizos para apoialo como é o caso da nova oficina de apoio ao profesorado, que vai complementar o reforzo este curso da súa condición de autoridade pública.

“Galicia é, desde hai anos, a comunidade con menor porcentaxe de interinos, moi por debaixo da media estatal e con esta nova oferta de emprego público convocamos todas as prazas que nos permite o Estado para seguir consolidados neste posto”, concluíu o conselleiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/02/2026