A sede da Xunta en Lugo acolle o acto institucional do Día mundial contra o cancro, que busca aumentar a concienciación sobre a enfermidade
O delegado territorial, Javier Arias, agradece o labor da AECC de Lugo e resalta que a sanidade pública galega é pioneira na implantación de programas preventivos, ademais de avanzar no emprego de tecnoloxía de vangarda para os tratamentos oncolóxicos
Lugo, 4 de febreiro de 2026
A Delegación Territorial da Xunta acolleu hoxe o acto institucional do Día Mundial Contra o Cancro, unha xornada na que se busca aumentar a concienciación e avanzar na prevención e control desta enfermidade.
O delegado territorial, Javier Arias, participou na cita xunto co presidente da Asociación Española Contra o Cancro lucense (AECC), José Manuel Rozas, e representantes doutras entidades. Tamén interviu o paciente usuario da AECC Javier Castro, que relatou a súa experiencia. Ademais, como cada ano nesta data, a Xunta ilumina de verde a fachada da súa sede de Lugo para darlle visibilidade á loita contra o cancro.
Arias resaltou os investimentos e programas da Administración autonómica para situar a Galicia á vangarda dos tratamentos oncolóxicos. Así, apuntou que nos últimos anos investíronse arredor de 120 millóns de euros en equipamento de alta tecnoloxía para combater a enfermidade. Por outra banda, destacou que a sanidade pública galega é pioneira na introdución e extensión de cribados poboacionais de diferentes tipos de cancro, como o colorrectal, o de mama e o de cérvix.
O delegado tamén agradeceu o traballo que realiza a AECC no acompañamento de pacientes e na promoción da prevención e a investigación. Afirmou que desde o ano 2018 a Xunta triplicou a colaboración coa asociación, co obxectivo de financiar programas de apoio ás persoas afectadas polo cancro e aos seus coidadores.