Medio Rural construirá en Lalín a base de helicópteros máis grande de Galicia para a loita contra incendios
A conselleira visitou hoxe as obras deste heliporto, que conta cun investimento de máis de 3,2 millóns de euros, e no cal se poderán albergar ata seis helicópteros de forma simultánea en caso de ser preciso e con todas as dependencias necesarias
As instalacións consistirán nun edificio dotado cunha planta soterrada para aparcadoiro, outra superior como estancia de brigadas e tripulacións -con oito habitacións con baño-, e unha torre de control para emisoristas
Destacou que este ano destinaranse máis de 9 millóns de euros para mellorar a rede pública de bases aéreas cun novo aeródromo en Valga e a mellora e ampliación das bases de Campiño, en Pontevedra; e de Antela, en Sandiás
Tamén puxo en valor o incremento do orzamento destinado en materia de prevención e extincións, que supera este ano os 116 millóns de euros
Lalín (Pontevedra), 5 de febreiro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco; e polo alcalde de Lalín, José Crespo; visitou hoxe as obras da futura base de helicópteros para a loita contra incendios forestais que se está a construír na localidade, onde destacou que será a máis grande de Galicia, de entre as 14 actuais, e unha das de España.
Concretamente, esta actuación supón un investimento de máis de 3,2 millóns de euros e permitirá albergar ata seis helicópteros de forma simultánea en caso de ser preciso e con todas as dependencias necesarias. En concreto, construirase un edificio que constará dunha planta soterrada para aparcadoiro, outra superior como estancia de brigadas e tripulacións -con oito habitacións con baño-, e unha torre de control para emisoristas. A conselleira destacou que serán unhas instalacións con todas as condicións precisas para desenvolver o traballo do persoal de loita contra os incendios.
Neste sentido, salientou que o compromiso da Xunta coa defensa contra o lume é unha prioridade e este mesmo ano destinaranse máis de 9 millóns de euros para mellorar a rede pública de bases aéreas. Lembrou que ademais da de Lalín, construirase un novo aeródromo no concello de Valga e sumou a mellora e ampliación das bases de Campiño, en Pontevedra; e de Antela, en Sandiás.
Gómez resaltou que todas estas actuacións van encamiñadas a dispoñer de máis recursos no territorio e dunha maior dotación de medios aéreos. Sobre esta liña, o dispositivo contará este 2026 con dous avións de carga en terra máis, chegando a un total de oito. En total, disporá de 22 medios aéreos dependentes da Consellería, chegando a máis de 30 ao incluír os do Goberno central.
Maior investimento no 2026
A conselleira puxo en valor que desde o Goberno galego séguese a traballar a prol do servizo público de prevención e defensa contra os incendios forestais, referente a nivel nacional e internacional. Explicou que este ano se incrementa o orzamento nesta materia con máis de 116 millóns de euros, dos cales 75,38 se destinan a prevención, un 50% máis que o ano anterior, e 40,6 a extinción.
A maiores, destacou o novo convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, asinado o pasado mes de decembro coa empresa pública Seaga e ao cal xa solicitaron a súa adhesión 131 concellos galegos. Gómez explicou se mobilizarán anualmente 25 millóns de euros para apoiar a concellos e propietarios á hora de realizar estas tarefas e cumprir así as súas obrigas en materia de prevención.