Galicia conta cun marco normativo sólido comprometido coa calidade dos servizos públicos para facilitar as xestións da cidadanía coa Administración

Reducir as cargas burocráticas á cidadanía, potenciar os procedementos sen solicitude previa ou deseñar o futuro modelo do emprego público son algúns dos obxectivos do Plan de Calidade dos Servizos do sector público autonómico

O documento recolle as accións a levar a cabo en materia de calidade e simplificación dos servizos públicos para os vindeiros dous anos

O director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, José María Barreiro, explicou no Parlamento as liñas xerais do novo plan 2026-2027

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2026

Galicia conta cun marco normativo sólido, comprometido coa calidade dos servizos públicos para facilitar as xestións da cidadanía coa Administración autonómica. Trátase do Plan de Calidade dos Servizos do sector público autonómico que a Xunta acaba de actualizar, con vixencia para 2026-2027. 

O compromiso abrangue a mellora continua da calidade dos servizos públicos, ao partir das accións executadas no plan anterior, para establecer as medidas a executar durante os dous vindeiros anos. Reducir as cargas burocráticas á cidadanía, potenciar os procedementos sen solicitude previa ou deseñar o futuro modelo do emprego público son algúns dos obxectivos do Plan de Calidade dos Servizos do sector público autonómico

O documento recolle as accións a levar a cabo en materia de calidade e simplificación dos servizos públicos para os vindeiros dous anos e articula os obxectivos en torno a eixos e accións para estruturar un xeito operativo de levalo a cabo. Así o explicou hoxe no Parlamento o director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, José María Barreiro, que debullou polo miúdo os dez eixos nos que se estruturan as accións a levar a cabo.

Así, o primeiro eixo é o do funcionamento dos servizos públicos e “aborda o reto de mellora dende unha dobre perspectiva, a planificación e a rendición de contas.” O eixo 2 céntrase na “elaboración e aprobación de instrumentos de mellora da calidade”, afirmou Barreiro, quen dixo que para contar tamén coa visión da cidadanía se vai fomentar o uso de enquisas de satisfacción entre as persoas destinatarias dos servizos públicos. 

O eixo 3 refírese á racionalización e simplificación de procedementos “suprimindo trámites e documentos innecesarios e reducindo cargas administrativas e burocráticas.” Deste xeito vanse diminuír “tempos de resposta e cargas para a cidadanía, mantendo todas as garantías”, como explicou o director xeral de Simplificación. O compromiso do Plan xeral é o de analizar, polo menos, 130 procedementos e reducir un mínimo de 90 cargas administrativas.

A configuración de servizos públicos de xeito proactivo, é dicir, sen solicitude previa, supuxo un dos principais avances na calidade dos servizos públicos nos últimos anos, segundo Barreiro. O novo Plan incide no compromiso de impulso desta iniciativa “co compromiso de habilitación de 10 novos servizos públicos nesta modalidade.”

No que se refire á contratación administrativa, o eixo 4, trata de poñer en valor as particularidades de Galicia e potenciar liñas estratéxicas para a Comunidade “como a compra de produto de proximidade e a potenciación de sectores fundamentais, como o da madeira”, explicou.

O eixo 5 aborda a xestión do persoal e contempla a aprobación da Estratexia de Recursos Humanos da Xunta, como “documento de base para planificar, impulsar, dirixir e avaliar as decisións a tomar nos próximos anos.” Canto ao eixo 6, Barreiro dixo que se centra na procura dunha “maior transparencia na actuación administrativa, tanto da administración xeral como do sector público autonómico.”

O eixo 7 refírese á atención á cidadanía, explicou o director xeral de Simplificación, e unha das liñas básicas de actuación é “a elaboración de plans de mellora dos servizos públicos.” O compromiso é chegar aos 6 plans no ano 2027. O novo plan potencia, así mesmo, a participación cidadá no eixo 8, co incremento dos procesos participativos dirixidos a cidadanía, para involucrala “no proceso de toma de decisións públicas e de planificación da actividade administrativa.” 

No eixo 9, referido á integridade institucional, procederase á “actualización do Código ético neste ano 2026”, a culminación dos plans específicos por consellerías, así como á elaboración do Plan de medidas antifraude da Xunta. Barreiro explicou que “o eixo 10 refírese á difusión e comunicación. O seu obxectivo principal consiste no fortalecemento dunha cultura da calidade na propia administración pública.” 

O director xeral de Simplificación e do Patrimonio concluíu que o novo Plan xeral de xestión e mellora da calidade dos servizos do sector público autonómico de Galicia 2026-2027 “vai facer ao cidadán protagonista e partícipe das súas xestións coa administración galega”.

Data de actualización: 05/02/2026